Xunqueira de Ambía, Nogueira de Ramuín e Piñor acollen a «I Copa Ourense Termal – 3H Resistencia BTT»

A Deputación de Ourense colabora con este evento, organizado por o Clube Ciclista Ourense Termal, que aglutina tres probas que se celebrarán os días 26 de xaneiro, 9 de febreiro e 1 de marzo-

0
Foto: Carlos Domarco

 

 

 

Ourense, 23 de xaneiro de 2020.- Os concellos de Xunqueira de Ambía, Nogueira de Ramuín e Piñor acollerán a «I Copa Ourense Termal – 3H Resistencia BTT», os días 26 de xaneiro, 9 de febreiro e 1 de marzo, respectivamente.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; os alcaldes de Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Ambía e Piñor, César Parente, José Luis Gavilanes e José Luis González; o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; e o presidente e o secretario do Club Ciclista Ourense Termal, Daniel Rodríguez e Toño Rivas.

A Deputación de Ourense colabora con este evento que «xorde coa creación do «Ourense Termal Club Ciclista», un club que pretende fomentar o ciclismo de montaña na nosa provincia», dixo Rosendo Fernández, quen afirmou que froito da colaboración pública e privada «nace un formato novidoso de competición en Ourense que aspira a ser un evento de referencia en Galicia e no Norte de Portugal». 

No Concello de Xunqueira de Ambía, o 26 de xaneiro, a proba terá un percorrido de 7´52 quilómetros que comezará desde a Praza San Rosendo. O día 9 de febreiro, a competición trasladarase ata Nogueira de Ramuín onde os participantes poderán gozar dun circuíto de 6 quilómetros que comezará na Praza de Luintra. E, por último, o Concello de Piñor acollerá a proba o día 1 de marzo cun percorrido de 7,9 quilómetros que dará comezo no Campo de Arenteiro. Tódalas probas serán desde as 10.00 ás 13.00 horas. 

Foto: Carlos Domarco

Toño Rivas explicou que se trata dunha nova competición coa que pretendemos «atraer a xente de fóra, incentivando con premios económicos que ascenden a un total de 2.400 euros», mentres que Daniel Rodríguez dixo que esta proba vai a permitir ensinar aos participantes «o patrimonio natural e paisaxístico da nosa provincia». 

Os interesados en participar poderán inscribirse nas categorías de individual feminina, individual masculina, e relevos (equipos de dous corredores e equipos de 3 corredores). A inscrición realizarase a través da páxina www.sportmaniacs.com ata o día 23 de xaneiro para a de Xunqueira de Ambía, o día 6 de febreiro para a de Nogueira de Ramuín, e o día 27 de febreiro para a proba en Piñor. «Actualmente hai preto de 150 inscritos», dixo o alcalde de Xunqueira de Ambía, quen salientou a importancia de celebrar este tipo de eventos para revitalizar o rural «con actividades culturais e deportivas que dinamizan a economía».

Pola súa parte, César Parente agradeceu á organización que a competición tamén se desenvolva en Nogueira de Ramuín situado «no corazón da Ribeira Sacra para continuar a promocionala e lograr que sexa declarada Patrimonio da Humanidade». Neste mesmo sentido, o alcalde de Piñor reafirmou a aposta do seu municipio a prol do deporte desenvolvendo diferentes probas.