Volta Galicia | Mediero e Ucha firman un dobrete para o Vigués en Curtis e Márquez sitúase líder

0
Foto: Álvaro García / El Pelotón

 

A terceira e penúltima xornada da Volta a Galicia tivo tres triunfadores este sábado na localidade coruñesa de Curtis. O gañador Roberto Mediero e o segundo clasificado Jacobo Ucha, ambos do Club Ciclista Vigués, cruzaron a liña de meta erguendo os brazos. A roda dos dous galegos entrou Martí Márquez (Lizarte). O catalán asaltou o primeiro posto da xeral e chega con 27 segundos de vantaxe á última etapa na que o Alto de San Roque, de primeira categoría, exercerá de xuíz definitivo en Viveiro.

Foto: Álvaro García / El Pelotón

Os 151 quilómetros de percorrido, a distancia máis longa desta ronda, decidíronse no descenso do último porto, o da Queimada. A falta de seis quilómetros para a conclusión, o Club Ciclista Vigués realizou unha xogada mestra e lanzou aos seus dous xefes de filas por diante. O ataque en parella do vigués Mediero e do porriñés Ucha so atopou a resposta de Márquez. Os tres entendéronse á perfección para distanciarse ao final en 30” dun reducido grupo de quince unidades no que entrou Alejandro Ropero (Kometa) portando a camisola amarela.

Fuga numerosa

Dende a saída en Teixeiro o vento e a chuvia acompañaron ao pelotón incrementando a dureza dun trazado con tres ascensións puntuables. Despois da primeira Meta Volante en Curtis, na que se impuxo o portugués Paulo Silva (Fortunna/Maia), formouse unha escapada de catorce ciclistas. Ferrán Robert (Lizarte), terceiro na xeral, era o mellor clasificado e mentres durou a fuga exerceu de líder virtual.

Este grupo chegou a ter dous minutos de marxe e coroou o Alto de Amenoeiras, de 1ª categoría, encabezado por Javier Gil (Gsport). A falta de entendemento propiciou que, tras a Meta Volante de Teixeiro, onde Raúl González (Cortizo) puntuou en primeira posición, o pelotón neutralizara aos fugados cando restaban pouco máis de 50 km para a meta.

Co mal tempo sen conceder unha tregua e cos corredores do Kometa sufrindo o desgaste dos continuos ataques, o grupo principal quedou reducido a 23 ciclistas na primeira das dúas ascensións ao Alto da Queimada. O luso Daniel Silva (Sicasal) foi o primeiro en alcanzar o cumio na toma de contacto coa subida chamada a decidir a etapa.

Estratexia perfecta

No regreso a este porto de 2ª categoría, o Vigo-Rías Baixas marcou un ritmo moi forte dende abaixo. A esa aceleración deulle continuidade Carlos Gutiérrez (Aluminios Cortizo), cazado antes das últimas ramplas. Pola pancarta do premio da montaña Roger Adriá (Lizarte) pasou ao fronte da carreira, con Ucha en segundo posición. O do Vigués estaba preparando un ataque que daría os seus froitos.

As diferenzas establecidas en Curtis colocan ao elite Márquez como novo líder, co sub23 Ropero a 27” e dous compañeiros do líder, Adriá e Torrents, a 30” do catalán do Lizarte. O conxunto navarro tamén lidera a táboa por equipos. No resto de clasificacións, Silva (Sicasal) loce o maillot branco a puntos vermellos da Montaña, Costa (Farto) mantén o verde das Metas Volantes, Ropero conserva o branco da clasificación Sub23 e Ucha, sexto na xeral, o azul de primeiro galego.

A entrega de premios en Curtis contou coa presenza de Javier Caínzos, alcalde; Carmen Cernadas, concelleira de Deportes; Marta Barreiro, concelleira de Benestar; Eva Lata, concelleira de Igualdade; Manuel Tanoira, de Toyota Compostela Móvil; Manuel Vázquez, de Norinver; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; e José Ángel Vidal, exciclista homenaxeado nesta edición da Volta.

Última etapa

A dureza manterase ata o último metro desta rolda e este domingo será a quenda da xornada raíña en Viveiro. As clasificacións resolveranse en 130,5 km pola Mariña Lucense con final no Alto de San Roque. Antes deste porto de 1ª, con pendentes que alcanzan o 20% e un desnivel medio do 9% nos seus 4 quilómetros, haberá outras tres ascensións: Cruceiro (3ª, km 5), Couboeira (3ª, km 90) e As Lobeiras (2ª, km 108,7).