Vitoria sufrida do Celta ante o Huesca para pechar o ano (2-1)

0

FICHA TÉCNICA

RC Celta 2-1 SD Huesca

Aliñación RC Celta: Rubén, Hugo Mallo, Araújo, Murillo, Lucas Olaza, Tapia, Denis Suárez, Brais Méndez, Nolito, Iago Aspas e Santi Mina.

Aliñación SD Huesca: Álvaro Fernández, Pedro López, Pulido, Siovas, Javi Galán, Mosquera, Mikel Rico, Borja García, Ferreiro, Ontiveros e Okazaki.

Goles: 1-0, min. 33 (Nolito). 2-0, min. 61 (Iago Aspas). 2-1, min. 84 (Seoane).

Árbitro: Munuera Montero

Campo: Estadio Municipal de Balaídos

ANÁLISE

O Celta consegue rematar este 2020 cunha sufrida vitoria ante o Huesca. Na primeira parte anotou Nolito e na segunda Iago Aspas, pero cando todo parecía resolto, Seoane recortou distancias ó pouco de rematar. Nos últimos minutos os celestes sufriron moito, mais os tres puntos quedaron en Vigo.

Na primeira metade o Huesca tentou suxeitar ó Celta, con todo, os do Chacho Coudet tiveron varias ocasións de gol por medio de Nolito. A primeira deteuna Álvaro Fernández, a segunda lanzouna desviada cara arriba, a terceira foi demasiado centrada e na cuarta chegou o gol. Unha xogada de Denis Suárez e Aspas que Nolito converteu no primeiro tanto do choque. O medio campo do Celta foi quen de deter as acometidas do Huesca, que non se rendeu en ningún momento.

Ó pouco de comezar o segundo tempo chegou o segundo gol dos celestes, do gran Iago Aspas, quen senón. Esta vez cambiaron as tornas e foi Nolito o que asistiu ó moañés. Aínda que, cando todo parecía claro, o 2-0 comezou a cambalear. Coudet retirou do terreo de xogo a Iago Aspas e Tapia para darlles algo de descanso, pero o Huesca comezou a atacar cada vez con máis forza axudado dos novos cambios. Ata que, no 84, Seoane puxo o 2-1. Nos minutos que restaban para o final, o Celta sufriu moito. Os celtistas comían as unllas vendo as grandes paradas de Rubén para evitar o empate. Pero o final chegou, e a vitoria non se moveu da banda celeste.

Este triunfo xa é o quinto dende que Eduardo “Chacho” Coudet chegou a Vigo. Provocou o renacemento dun equipo que parecía no final do pozo, pero agora remata o ano na oitava posición e moito máis tranquilo e confiado que hai dous meses. Queda por ver se no vindeiro ano, e coa costa de xaneiro por diante, a “chachoneta” (o Celta de Coudet) segue rodando sen interrupción.

highlight_image

Fotografía: La Liga Santander