Explosión goleadora naranxa para o regreso da vitoria a Vista Alegre.

Ficha Técnica

O Pescados Rubén Burela FS recuperou a vitoria en Vista Alegre con explosión goleadora fronte ao Tenerife Iberia Toscal (9-1), un rival que malia chegar nunha situación complicada, se mostrou atrevido apostando a xogar a pelota. Os mariñáns abriron unha fenda moi favorecedora na primeira parte, con 6-1.

Colacha, nos primeiros compases, xa avisaba do perigo, cun potente disparo ao largueiro. No minuto 7, Pope, ao bordo da área, serviulle en bandexa o primeiro a Matamoros. En contraataque, levando o temón Colacha, Luisma saíu vitorioso no minuto 9 para subir o 2-0, rozando a liña de meta en pugna con José Luis Gomis. Pouco tardou en aparecer o 3-0, cumpríndose o ecuador do primeiro acto, de novo nunha recuperación que culminou Colacha, tras saída de Chus e pase de Víctor.

O Iberia Toscal deu un toque de atención , demostrando ao Burela que nunca se pode baixar a garda. Na terceira chegada con perigo dos insulares, acurtou distancias (3-1, minuto 17) Cristian Blanco aproveitando un rexeite de Álex; poucos segundos antes o 10 de Iberia saíra derrotado fronte ao meta burelista e antes Sergio Parra, no 5. Unha diana que tocou o orgullo laranxa e lles fixo intensificar máis a súa procura de gol aos de Juanma Marrube. A falta dun minuto e medio, Edu Ramos, en propia porta, outorgou o 4-1 a un lanzamento de Pope.

Álex mantívose impasible ante a tentativa Saúl Marrupe desde saque de esquina, nunha acción que daba pase ao último minuto antes do descanso, coa sempre máxica aparición de Matamoros para o 5-1, cazando un pase longo que coou entre o meta e o pau, desde o córner. O Pescados Rubén, sen perdoar, a tan só 26 segundos rubricou o sexto, nas zapatillas de Renato, asistido por Pope.

Tenerife apostou por xogo de cinco no minuto 24 fronte á concentración defensiva dos da casa. O sétimo burelista resistiuse; no 27, Edu Ramos evitouno fronte a Matamoros, pero Hélder sentenciouno a porta baleira no 29, tras un prodixioso despexe de Álex co pé fronte á ofensiva insular. O porteiro laranxa non tatexou o máis mínimo ante as embestidas do Iberia Toscal, con grande intensidade no 34.

A falta de cinco minutos Matamoros tamén se vestiu a camiseta de porteiro xogador para o Burela. O oitavo, co selo de Chus, subiu ao electrónico no 36, nun roubo do 7 local en pista tinerfeña. O prometedor Sergio Cora anotou o definivito 9-1, no 37, nos seus primeiros compases sobre a pista.

 

Sábado 9, campaña de recollida de alimentos

A liga de Segunda repetirá na Bomboneira o vindeiro sábado, coa visita do Software DELSOL Mengíbar (18.30 horas), cunha campaña de recollida de alimentos en colaboración con Cruz Vermella de Burela.


Comentarios