Vitoria do Pescados Rubén Burela FS ante o Noia Portus Apostoli (4-5)

0
Foto: Noia Portus Apostoli

 

O Pescados Rubén Burela FS cumpriu este serán coa primeira vitoria da pretempada, no segundo test dos de Juanma Marrube 2020-21. Os da Mariña impuxéronse na pista do Noia Portus Apostoli (4-5); despois dunha primeira parte na que os locais levaron a iniciativa no luminoso con 2-1, a escuadra laranxa deu a volta ata o 2-4, cunha recta final con protagonismo de cinco.

Dispuxeron dun excelente inicio os do Mariskal con ocasións claras, pero foi Antonio Diz o que adiantou os locais no minuto 5 en contragolpe. Non se fixo esperar moito o Pescados Rubén Burela entón na resposta; David Pazos recuperou táboas, xa no 8, de cabeza a pase de Renato. Iago Míguez  e de novo o 12 burelista puxeron a proba a rede noiesa no ecuador do primeiro acto, cunha boa presión dos da Mariña. No entanto, foi un ex dos laranxas, Pope, o que lles devolveu a iniciativa no luminoso aos de Marlon Velasco; restaban 5 minutos para o tempo de descanso, que chegou co xogo de cinco de Noia.

Os do Mariskal fixéronse de novo co empate no reinicio do encontro, a través de Pitero, e non cederon a batuta. Kaluza estivo moi atento para manter a salvo ese 2-2 nos compases seguintes. Quintela, no 24 e dende a área, tomou por primeira vez a vantaxe no marcador para os laranxas, culminando unha xogada individual de Álex Diz pola banda.

De novo o porteiro polaco respondeu á perfección fronte a tentativa doutro antigo burelista, Luisma, e chegou de novo ocasión para aproveitar nas filas mariñás, cun potente disparo de Álex Diz, con tres minutos para a medianía da segunda parte. Pope, no 29, volveu atopar portería para reducir distancias para os locais e o Pescados Rubén Burela FS optou entón por xogo de cinco con Matamoros.

Con tres minutos por diante, o Noia respondeu do mesmo xeito, na busca do empate; atopouno nas zapatillas de Luisma, que recuperou un lanzamento de Kaluza. Probou David Pazos na recta final, pero quen puido atopar o definitivo 4-5 foi Quintela, a falta de 54 segundos, aproveitando un balón introducido por Renato na área.

 

 

O Parrulo en Copa Galicia

O Parrulo será o vindeiro rival dos burelistas, co partido de volta de semifinais da XXIX Copa Galicia, o luns 28, a partir das 20.15 horas, na Malata.

 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli: Domingo, Javaloy, Javi Rangel, Álex Naranjo, Antonio Diz, cinco inicial; tamén xogaron Luisma, Adrián Rivera, Pope, Pirata

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Quintela, Pitero, Renato, David Pazos, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Lucho, Álex Diz, Iago Míguez, Javi Rodríguez, Nito, M. Kaluza, Renatinho

Goles: 1-0, minuto 5, Antonio Diz;1-1, minuto 8, David Pazos; 2-1, minuto 15, Pope; 2-2, minuto 21, Pitero; 2-3, minuto 24, Quintela; 2-4, minuto 27, Álex Diz; 3-4, minuto 29, Pope; 4-4, minuto 37, Luisma; 4-5, minuto 40, Quintela

Árbitros: Martínez Torres // Castro Nantes. 

Incidencias: Segundo amigable da pretempada laranxa disputado no Agustín Mourís de Noia.