A selección galega cadete feminina de Balonmán acadou hoxe a clasificación para a final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas, despois de derrotar a Madrid nun gran partido. A final celebrarase mañá (10:45 horas) contra Cataluña. Pola súa banda, a selección cadete masculina loitará mañá polo bronce contra Euskadi (09:00 horas).
En liñas xerais a de hoxe foi unha boa xornada para Galicia con catro triunfos e dúas derrotas. As seleccións infantil feminina, infantil masculina e xuvenil feminina tentarán acadar a quinta posición, mentres que a xuvenil masculina disputará a sétima posición.
Semifinais Campionato de España cadete feminino.
Madrid, 24 – Galicia, 31. A selección galega cadete feminina, que partía da Copa de España, logrou meterse na final do Campionato de España tras superar de forma contundente a Madrid na semifinal.
Foi unha nova exhibición das rapazas de Abel González e Ana Costas, que volveron a estar espléndidas. E iso que os nervios foron evidentes nos primeiros minutos do choque, o que as levou a estar por detrás no marcador. Desta forma, no minuto 15 ían tres goles abaixo (5-2). Pero pouco a pouco as nosas foron amosando as súas armas e igualáronse moitísimo as forzas, con distancias mínimas no marcador. O primeiro empate chegou no minuto 28 (11-11), e no descanso mandaba Madrid por un gol (12-11).
Pero na segunda parte, as galaicas brillaron con luz propia. Cunha gran porcentaxe de acerto na portería e unha enorme efectividade en ataque o triunfo foi incontestable. Madrid non tivo a máis mínima posibilidade nesta segunda metade case perfecta das nosas xogadoras, que confirmaron así a súa clasificación para a final do Campionato de España. Fantástico o traballo de Marian Mera en portería con 14 paradas e a efectividade en ataque de Sara Román e Marta Dasilva.
Galicia, 31: Marian Mera, Alba Afonso, Anastasija Doder (1), Verónica de Cristófaro (1), María Currás (2), Sabela Miniño (5), Carla Baltasar (1), Ithaisa Trigo (4), Area Martínez, Marta da Silva (4), Antía Estévez, Sara Román (7), Laura Magdaleno (4), Yaiza Alonso (1), Lorena Vaello e Helena Sánchez (1).
Mañá Galicia enfrontarase a Cataluña na final ás 10:45 horas.