A proba masculina comezará ás 16:40 horas e disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe). Antonio Serrat está na lista de saída pero será dúbida ata o último intre, xa que se está a recuperar da dura caída sufrida a semana pasada na Copa do Mundo de Tiszaujvaros, que lle supuxo un corte moi profundo na tibia, que necesitou varios puntos. O médico da carreira decidirá si está en condicións de competir.

Pola súa banda, Alarza –deportista do Grupo de Alto Rendemento do CGTD e con licenza galega- volve despois dun par de meses ausente por lesión, polo que será un importante test para medir o seu estado. E o terceiro representante galego será Uxío Abuín, que tras un inicio titubeante de tempada por culpa dunha lesión durante a pretempada, está crecendo con moita rapidez no seu rendemento e adestrando a moi bo nivel.

En Hamburgo sae co dorsal 1 Mario Mola, que tentará sumar un bo resultado, para seguir ao fronte do campionato do mundo. Outros favoritos son Vincent Luis, Richard Murray ou Jacob Birtwhistle.

Na proba feminina tamén teremos presenza galega, con Camila Alonso, que tentará facer un bo traballo nunha proba das Series Mundiais. A ferrolá necesita non quedar descolgada na auga para así sumar puntos para o ranking mundial. Na Copa do Mundo de Huatulco a ferrolá foi oitava clasificada.