Galicia acadou un total de seis medallas no Campionato de España Júnior de Pesos Olímpicos, que se celebrou esta fin de semana en Benidorm. En total foron unha prata e cinco medallas de bronce para os nosos rapaces e rapazas.
 

Categoría feminina

Tres medallas para Galicia no Campionato de España Júnior de Pesos Olímpicos categoría feminina, que se celebrou o domingo en Benidorm. Ainoha García (+63, Couto) logrou a medalla de plata, mentres que María Ferreiro (-49 quilogramos, Couto) e Aitana Fariña (-44, Maniotas) foron bronces.
 
Ainoha García librou no primeiro combate e xa entrou nas semifinais, onde venceu á representante de Castela a Mancha, nun competido combate. Comezou gañando de forma clara (6-1), pero nun par de despistes da galega, remontou a súa rival (6-8). Pero Ainoha non se rende nunca e volveu poñerse por diante para asegurar o seu pase á final (9-8). Neste último combate enfrontouse á deportista da Comunidade Valenciana, que se escapou no marcador no primeiro asalto, pero a galega logrou igualar. Xa non houbo resposta para o segundo arreón da valenciana, que logrou o título.
 
María Ferreiro gañou en primeira rolda á Andalucía de 20 puntos e caeu na semifinal ante Adriana Cerezo (Castela a Mancha), unha deportista que dentro duns días competirá no Campionato de Europa Absoluto coa selección española. Por último, sinalar que Aitana Fariña perdeu na semifinal ante Mónica Sardina.

Categoría masculina
 
Os galegos Fernando Davila (-48 quilogramos, Kae Sport), Isaac Blanco (-55, Maniotas) e Yeray Sabugueiro (+73, Natural Sport) lograron a medalla de bronce no Campionato de España Júnior Masculino de pesos olímpicos, que se disputou hoxe en Benidorm.
 
Isaac Blanco gañou nos cuartos de final a Castela e León por K.O. e perdeu na semifinal ante Cataluña nun combate moi intenso e con moitas accións e intercambios. Sen dúbida un fermoso combate.
Pola súa banda, Yerai Sabugueiro (Natural) acadou o bronce tras superar a Baleares nos cuartos por un contundente 14-1 e caer na semifinal ante Castela e León. Tamén perdeu na semifinal, Fernando Davila, que se enfrontaba ao potente representante de Cataluña.
 
Pola súa banda, Julio Iglesias (-63, Couto) quedou sen premio, ao enfrontarse en cuartos ao representante de Castela a Mancha, nun choque igualado. Finalmente, o deportista de Castela e León logrou proclamarse campión de España neste peso. E por último sinala que Martín Conde (-73, Couto) caeu derrotado ante Baleares.
 
E así rematou o Campionato de España de Pesos Olímpicos que se celebrou esta fin de semana en Benidorm a porta pechada e que supuxo a volta á competición de forma presencial en España.