Tania Castiñeira acada o ouro, mentres que Katya Calvar, Pablo Fernández Eiras, Adrián Pombo e José Fernández son bronce.

 

Espectaculares resultados os acadados polos taekwondistas galegos esta fin de semana no Open de Serbia (categoría G-1). Tania Castiñeira acadou a medalla de ouro, mentres que houbo catro bronces para Katya Calvar, Pablo Fernández Eiras, Adrián Pombo e José Fernández.

A júnior Tania Castiñeira (+68, Hebe) logrou subirse ao máis alto do podio, neste último test importante antes do Europeo júnior, que se celebrará en Chipre no mes de novembro. Gañou no primeiro combate a Alema Hadzic (Alemaña) por 5-3 e na semifinal eliminou a Milica Novakovic (serbia) nun apertado e duro combate. A final foi contra a croata Anja Madunic e a nosa deportista venceu de forma xusta (6-5), para lograr a medalla de ouro. Xunto a ela, a súa adestradora Noelia Pérez.

Na categoría júnior tamén acadou unha medalla, Adrián Pombo (- 78, Natural Sport de Riveira). Pombo, que tamén está coa preparación do Europeo, venceu no primeiro combate a Boris Bojanic (Serbia) de forma rotunda (1-14), e na segunda rolda gañou a Matija Ruzic (Croacia (10-14). Na semifinal foi superado nun gran combate por Filip Dodevski (Macedonia), que ao final logrou o título do Open de Serbia. Magnífica actuación do deportista do Natural.

Na categoría sénior, tres bronces galegos. Katya Calvar (-62, Mat ́s) fixo unha gran competición, vencendo a tres rivais. Na primeira eliminatoria foi moi superior a Andrea Besic (Croacia) cun contundente 0-9, e tamén gañou sen problemas á súa seguinte contrincante, a rusa Daria Adamiak (3-10). Sufriu nos cuartos de final, nos que se enfrontou a Natalia D ́Angelo, pero finalmente venceu. Na semifinal caeu ante a checa Iveta Jirankova (7-2).

Tanto Katya coma Pablo Fernández Eiras (+87, Mat ́s) ían convocados pola Federación Española de Taekwondo e ambos acadaron bronce neste prestixioso torneo. Pablo logrou a medalla de bronce ao superar a Danilo Vukelic (Serbia) por 7-9, pero non puido gañar na semifinal ao croata Vedran Golec (12-2), que finalmente logrou o ouro.

A última medalla foi para José Fernández (-74 quilogramos, Natural Sport) que fixo catro combate a moi alto nivel competitivo. Venceu a Manuel Hehenberger (Austria) por un contundente 16-2 e posteriormente superou a Dajan Tomic (Serbia) por 8-3. Nos cuartos de final tivo como rival ao español Jorge Ros e acadou o paso ás semifinais (8-7), onde foi derrotado polo iraní Erfan Heydari.

No Open de Serbia tamén participou Manuel Parada (-68, Natural Sport), que superou a primeira rolda ao vencer ao grego Kasidiaris (9-13) e caeu nos últimos segundos do segundo combate contra o ruso Bulat, xa que chegara a os instantes finais con empate (9-9). Pero un bo ataque do ruso acabou cos soños do galego.

E por último, destacar a participación do júnior Javier González (- 68, Mace Sport), tamén convocado pola Federación Española. Javier fixo unha boa competición, xa que superou dúas roldas. Venceu ao búlgaro Marian Rachev (27-7) e ao croata Denis Bakunic (4-25), para caer finalmente nos cuartos de final contra o grego Anargyros Sofotasios por un axustado resultado de 25-21.