Un “nivel de xogo alto” e o gran ambiente no campo de A Ran con preto de 3.000 afeccionados provocaron o éxito do “VI Torneo de Fútbol 8 Termas de Cuntis”

0

Nota de prensa del Balneario de Cuntis

  • Gañaron o E. Estrada F.B. na categoría biberón,  o Arosa S.C. en prebenxamín, o R.C. Celta de Vigo en benxamín e o E.F.M. Boiro na categoría alevín.

Esta fin de semana celebrouse o “VI Torneo de Fútbol 8 Termas de Cuntis” no campo municipal de A Ran de Cuntis, que este ano contou coa participación de 32 equipos galegos integrados por 480 xogadores. Nesta edición, os rapaces participaron nas categorías  biberón, que inclúe a meniños de menos de seis anos, prebenxamín (6 e 7 anos), benxamín (8 e 9) e alevín (10 e 11). A competición estivo organizada polo Atlético Cuntis e o balneario Termas de Cuntis, e contou co patrocinio do Concello de Cuntis e a Deputación de Pontevedra.

A organización destacou a gran afluencia de público que durante a fin de semana encheu as gradas do campo, reunindo a preto de 3.000 afeccionados entre pais e nais e familiares dos xogadores. “Facemos unha valoración moi positiva do torneo, que consideramos foi todo un éxito e mesmo a mellor das edicións ata a data, ademais de contar cun nivel de xogo alto” –sinalou o presidente do club Atlético Cuntis, Fran Fontenla, máis coñecido como Choco–.

Os equipos participantes procedían de Santiago, Milladoiro, Bertamiráns, A Estrada, Lalín, Silleda, Valga, Noia, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Pontevedra, Meaño, Moraña, Cangas e Cuntis. Os gañadores de cada categoría recibiron medalla e trofeo e unha entrada para o acquaform do balneario para todo o conxunto. O segundo e terceiro clasificados tiveron medalla e trofeo e o cuarto clasificado e o primeiro e segundo de consolación recibiron trofeo, todos doados por diferentes empresas de Cuntis, Caldas de Reis, Moraña e A Estrada. A maiores, todos os xogadores recibiron unha mochila con froita e auga como agasallo, doado polos talleres Elmacar.

Campións do torneo:

Biberón: E. Estrada F.B.

Prebenxamin: Arosa S.C.

Benxamín: R.C. Celta de Vigo

Alevín: E.F.M. Boiro