Un gran primeiro paso para o Celta ante o Levante (0-2)

0
Foto: LaLiga

FICHA TÉCNICA

Levante UD 0-2 RC Celta

Aliñación Levante UD: Cárdenas, Franquesa, Mustafi, Vezo, Rober Pier, Radoja, Miramón, Pepelu, Morales, Roger e P. Martínez.

Aliñación RC Celta: Dituro, Hugo Mallo, Araújo, Murillo, Javi Galán, Tapia, Fran Beltrán, Brasil Méndez, Cervi, Iago Aspas e Santi Mina.

Goles: 0-1, min. 65 (Iago Aspas). 0-2, min. 85 (Brais Méndez).

Árbitro: Figueroa Vázquez

Campo: Estadio Ciutat de València

ANÁLISE

O Celta conseguiu solventar o partido no último treito da segunda metade. Tras un primeiro tempo fantasma, Aspas e Brais marcaron pasado o minuto sesenta de choque. A pesar das dificultades, os vigueses volven cos tres puntos na maleta.

No inicio da primeira parte os de Coudet tentaban facerse co partido controlando o balón. Os celestes conseguiron realizar o primeiro lanzamento da man de Iago Aspas. Con todo, foi moi frouxo e non incomodou a Cárdenas. Máis adiante, Pablo Martínez tivo unha boa ocasión para o Levante. No treito final dos primeiros corenta e cinco minutos Fran Beltrán combinou con Aspas nunha boa xogada, pero a defenda local interceptou o remate. Máis alá diso non houbo nada. O encontro estaba a ser aburrido para o espectador e as sensacións do Celta seguían a ser desconcertantes.

Na segunda metade Pablo Martínez volveu gozar dunha boa oportunidade de gol para o Levante, pero uns minutos despois Roger disparou de forma moi perigosa á porta de Dituro e marchou fóra por pouco. O Celta parecía que quería reaccionar cun remate de Santi Mina que marchou desviado. E reaccionou. No sesenta e cinco os levantinos cometeron un grave erro na saída do balón e Aspas aproveitouno para abrir o marcador. Foi unha de cal e outra de area para o moañés, xa que acto seguido o colexiado sinalou un penalti cometido por el. Malia iso, Dituro, por segunda xornada consecutiva, deteu un penalti. No oitenta e cinco, Brais Méndez sacou do sombreiro un gran lanzamento para marcar o 0-2.

Por fin, despois dos malos momentos pasados nas primeiras xornadas de Liga, o Celta conseguiu a primeira vitoria na xornada seis. Cometéronse erros, si, pero o importante é que o equipo soubo tirar para adiante e recuperarse. Queda moito por diante, pero ás veces non hai nada que custe máis que o primeiro paso.