Triunfo histórico por equipos do Riazor na Copa de España de Ciclismo Adaptado en Orihuela

0

O proxecto de ciclismo adaptado do Club Ciclista Riazor fixo historia esta fin de semana na Copa de España celebrada na localidade alacantina de Orihuela. O conxunto coruñés conseguiu a súa primeira vitoria na clasificación por equipos do certame estatal, situando a catro corredores nos postos de podio.

Na cita que marcou o ecuador da Copa, Mila López impúxose na categoría WH4 por diante de Pilar Montoya (Castilla) e de Marta Escobar (También CDE), segunda e terceira respectivamente. O primeiro posto da baionesa permítelle afianzar o seu liderado na xeral a falta de catro xornadas para o final.

Tamén se colgou o ouro Luis Javier Arceaga en MC3. O representante da formación herculina superou nun desenlace moi axustado a Francisco Sánchez. Terceiro rematou Carlos Perona (Castilla), que continúa líder.

En MH5, Francisco Tamarit (Unlimited) bateu a Iván Manoel Montero, pero o handbiker do Riazor retivo o xersei de primeiro clasificado na xeral.

O cuarto metal do equipo galego obtívoo Xosé Manuel Vázquez, terceiro en MC4 por detrás do gañador José Manuel Dosdad (Andalucía) e de Jorge Orejón (Dúo Bike). O ciclista da estrutura coruñesa mantense segundo no ranking da Copa.

A seguinte xornada deste certame terá lugar o 21 e 22 de setembro no Valle de Trápaga (Biscaia), onde se disputará o Memorial Eusebio González Ortuondo “Hierro”.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo