FICHA TÉCNICA
Real Sociedad 1-0 RC Celta
Aliñación Real Sociedad: Remiro, Gorosabel, Aritz, Le Normand, Aihen, Guevara, Rafinha, Mikel Merino, Oyarzabal, Januzaj e Isak.
Aliñación RC Celta: Dituro, Hugo Mallo, Araújo, Aidoo, Javi Galán, Fran Beltrán, Brais Méndez, Denis Suárez, Cervi, Santi Mina e Iago Aspas.
Goles: 1-0, min. 12 (Oyarzabal).
Árbitro: Cuadra Fernández
Campo: Estadio Reale Arena
ANÁLISE
Comezou a segunda volta, pero volveron as malas sensacións da noite de Reis ante o Baleares. O Celta non tirou nin unha soa vez entre os tres paus e viuse superado por unha Real Sociedade que marcou no primeiro tempo e mesmo puido ampliar a ventaxa en varias ocasións.
A tarde non comezou ben para o Celta. A defensa celeste quedou detida nunha xogada xa que pensaban que ía ser anulada. Pero non foi, e Oyarzabal anotou facilmente o primeiro gol dos locais. Uns minutos despois, Dituro tivo que esforzarse para deter outro lanzamento de Oyarzabal. No restante do primeiro tempo seguiu a mesma tónica do encontro e mesmo nalgúns momentos a Real tivo máis posesión que os celestes pese a ir gañando.

Pouco despois do reinicio, a Real Sociedade deulle un novo susto ao Celta cun tiro de Merino que pegou no pau. No 59, Elustondo anotou o segundo gol dos locais, pero foi anulado por fóra de xogo. Con todo, os donostiarras non se renderon e seguiron tentando marcar, como nunha boa ocasión de cabeza de Rafinha. No 84 chegou o primeiro e único lanzamento algo decente do Celta. Aspas disparou ao lateral da rede e tentaba animar aos seus compañeiros, pero o empate non chegou.
Segunda derrota desta semana. Cada vez con peores sensacións. Partido triste e pobre do Celta, con poucos aspectos que destacar. O mellor é que o equipo só encaixou un gol e que agora hai un parón por diante antes do Celta-Osasuna. Ogallá para esa data volva o Celta do primeiro partido do ano co Betis.