Triple éxito do DHI galego nos rankings finais do Open de España

0

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo

O Gran Premio DH El Raso – Candelada puxo o punto final o domingo ao Open de España de Descenso 2019 e tres galegos adxudicáronse os maillots de gañadores dos rankings da súa categoría. Uxía Álvarez (Coruxo) impúxose na clasificación cadete feminina, Manuel Pellón (BDM Bike) na máster-30 masculina e Estefanía Cabarcos (BDM Bike) na máster-30 feminina. Ademais, Kevin Méndez (Rocasport) subiu ao podio como terceiro clasificado Sub23 neste evento celebrado na provincia de Ávila.

Á terceira e última proba puntuable, o trío de líderes galegos chegaba cunha ampla vantaxe. Pellón, invicto nas dúas anteriores citas, completou o seu triplete de triunfos nun emocionante desenlace. O recente subcampión europeo venceu no circuíto abulense, de 1,4 kilómetros de lonxitude, por 2 segundos de diferenza sobre Samuel Rojo (EnBici). Máis afastado, a 5″,  rematou o terceiro clasificado Joan Vicente (Vila Bike).

O outro éxito do BDM rubricouno Cabarcos. Flamante campioa europea desta modalidade, a máster-30 sentenciou o Open de España mellorando en 15″ o tempo da segunda clasificada, Belén Zapico (EnBici).

Pola súa parte, Uxía Álvarez non acadou o triunfo en El Raso, pero o seu segundo posto bastoulle para anotarse a xeral do certame estatal.  A do Coruxo finalizou nesta última xornada a 17″ de Aina González (ST Andreu).

Entre os sub23 masculinos viviuse un pulso 100% galego na loita pola terceira posición. Méndez bateu por 51 centésimas a Alejandro Paz (Compostelano), que tivo que conformarse co cuarto posto.

A un paso de subir o podio quedouse o júnior Marco Martínez. O rider do Corbelo terminou cuarto, a menos de 1″ do terceiro, e no ranking final mantivo a terceira praza. Nesta categoría Senén Bastos fixo décimo no trazado abulense.