Tríatlon | Iria Rodríguez e Inés Castaño disputarán a Copa América de Playa Hermosa

Elsa Pena e Nerea García participarán na Copa de Europa de Lievin de Tríatlon Indoor.

0
349

 

Lugo, 28 de febreiro de 2019. Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) e Inés Castaño (Arcade Inforhouse) continúan coa súa xira americana. Esta fin de semana participarán na Copa de América de Tríatlon de Playa Hermosa (Costa Rica). E non será a única cita internacional para deportistas da Federación Galega de Tríatlon. Convocadas pola FETRI, Elsa Pena e Nerea García participarán na Copa de Europa de Lievin de Tríatlon Indoor.

A Copa CAMTRI de Playa Hermosa (Costa Rica) dispútase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bici e 5 de carreira a pe), e as nosas triatletas enfrontan o reto coa máxima ilusión despois de participar a fin de semana pasada na Copa da Habana. Aí Iria Rodríguez estivo a un moi bo nivel, ao rematar na cuarta posición e quedou moi contenta co realizado, xa que as condicións de calor, humidade e vento, fixeron a proba moi dura. Inés non tivo sorte, xa que quedou cortada por moi pouco e non puido lograr puntos para o ranking mundial. Pero agora ambas enfrontan un novo reto e coa ilusión de sumar puntos ITU.

 

Copa Europa Lievin

Elsa Pena (Cidade de Lugo Fluvial) e Nerea García Bustos (Náutico de Narón),

O Circuíto da Copa de Europa de Tríatlon 2019 comeza esta fin de semana coa novidade da celebración dun tríatlon indoor, que se disputará en Lievin (Francia) coa participación das galegas Elsa Pena (Cidade de Lugo Fluvial) e Nerea García Bustos (Náutico de Narón), que foron convocadas pola Española de Tríatlon.

O formato da proba consiste na celebración de tres mangas clasificatorias femininas de 150 metros de natación, 3 quilómetros de ciclismo nun velódromo que hai na periferia do estadio e 1 quilómetro de carreira a pe pola pista.

Finalmente as nosas júnior competirán en elite, polo que non será precisamente sinxelo lograr entrar na final, onde só haberá 10 participantes. Ademais, Elsa Pena está en pleno proceso de recuperación, despois dunha caída en bicicleta de montaña con rotura da cabeza do radio e unha rotura de fibras no cuádriceps. Xa está adestrando ben pero chega un pouco xusta. Pola súa banda, Nerea está facendo adestramentos de gran nivel e crecendo moito.

Comentarios