Esta vez o número 13 foi o da sorte para o Victoria FC. O conxunto compostelán completou un fin de semana redondo na 1.ª División Nacional Femenina xa que non só gañou un partido clave fronte ó Deportivo Abanca B (1-0), senón que tamén viu recortada a súa diferenza con respecto o líder polo tropezo do Viajes Interrías que caeu no duelo co segundo clasificado, o CD Monte, por 1-3. Como dicía o técnico Chivi García na previa: «Non se pode pedir máis». 

O equipo santiagués amosou o seu bo estado de forma para encadear o cuarto triunfo consecutivo nun partido no que non só precisaba exhibir bó xogo senon tamén madurez e saber estar sobre o campo. O cadro herculino saltou ó césped de Santa Isabel co obxectivo de non deixar escapar a terceira praza da clasificación na última xornada da primeira volta e confirmou a súa calidade ata o último minuto dun encontro moi disputado. 

Carácter tamén necesitaron as xogadoras compostelás para repoñerse o primeiro varapalo. Desde o asubío inicial o Victoria FC contou con ocasións moi claras de gol para poder adiantarse no marcador, pero tanto Noela como Gara e Ánxela non acertaban no un contra un coa porteira do Dépor, Jessica Carro. A falta de puntería chagaba incluso dende o punto de penalti pois ós sete minutos Noela desperdiciou unha pena máxima. Así se chegou ó descanso con empate no marcador (0-0). 

Na segunda metade xa non houbo un claro dominador no medio campo e o encontro volveuse máis tolo sen que se chegasen a crear ocasións claras de gol. Pero Noela, máxima anotadora do Victoria FC neste primeiro tramo da Liga con dez tantos, tiña unha espiniña cravada e acertou tras un pase de Gara para prantarse diante da porteira rival e esta vez sí logrou batila (1-0, min. 67).

Lonxe de deixarse ir o Dépor reaccionou cun arreón final pero a gran defensa do cadro ‘rojillo’ impúxose para deixar a súa porteira a cero. 

Sempre esixente, o adestrador do Victoria FC, Chivi García, recoñece que notou as xogadoras «moi nerviosas na primeira metade». «Estaban un poco agarrotadas e iso propiciou as numerosas imprecisións de cara gol no inicio», asume. «Pero depois do saíron moitísimo mellor, máis asentadas no campo», engade o santiagués. 

Con este triunfo o Victoria FC iniciará a segunda metade da Liga na 1.ª Nacional dende a terceira posición con 26 puntos (8 triunfos, 2 empates e 3 derrotas en 13 xornadas), a 5 xa do segundo, o CD Monte (31) e a 7 do líder, o Viajes Interrías (33). «Creo que era unha vitoria que necesitábamos. Contra os dous equipos de arriba perdimos e contra o Sardoma, o Oviedo B e o Valladares, os nosos perseguidores, deixámonos moitos puntos», analiza Chivi García. «Xa avisaba de que eramos un equipo moi bo pero había que darlle tempo ás moitas incorporacións do equipo filial. Agora mesmo defensivamente somos moi fortes, practicamente estamos a deixar a portería a cero todos os partidos e arriba xeramos moitas ocasións», considera o adestrador e engade: «Se seguimos con esta dinámica e as lesións nos respetan máis que na primeira volta creo que poderemos continuar nos postos de arriba toda a segunda volta. Agora mesmo estamos a só unha victoria de meternos na loita polo título de Liga».