Tres pratas e dous bronces galegos na primeira xornada do Europeo de Técnica e Freestyle de Seixal

0

 

A Coruña, 19 de novembro de 2021. Cinco medallas en cinco participacións. Este foi o balance da representación galega na primeira xornada do 15º Campionato de Europa de Poomsae e Freestyle, que se está a celebrar en Seixal (Portugal). Hoxe disputaron cinco probas e acadaron tres pratas e dous bronces.

Pola mañá disputouse a competición de técnica coa participación de Alejandro Losada García (Tao) en sénior 1 e da parella Laura Álvarez e Daniel Areán (Neka) en júnior. En ambos casos a actuación foi de dez e posiblemente a prata quedase curta.

En sénior 1 había un total de 20 participantes e Alex fixo unha competición incrible. Comezou gañando ao ruso Dmitry Kim na primeira rolda e na segunda eliminou a Benjamin Harder (Dinamarca), número 2 do ranking europeo, asegurando así a medalla. Pero aínda quería máis e logrou superar ao durísimo rival Frans Salmi (Finlandia) para plantarse na final ante o número 1 e defensor do título de campión de Europa, Joel Van der Weide (Holanda). Aquí, foi mellor o deportista holandés e Alex pechou un torneo excepcional cunha merecidísima medalla de prata.

E que dicir de Laura Álvarez e Daniel Areán en parellas júnior. Fantástica actuación dos nosos deportistas que pasaron a final de primeiros, con Alemaña na segunda posición e Italia, na terceira. Na final, o programa foi impecable, de dez, pero nesta ocasión os xuíces decidiron que fora mellor a parella italiana.

Pola tarde, chegou o momento do Freestyle. En -17 anos individual, enormes os nosos representantes, con bronce para Irea Abuín (TKD Sada) e prata para Tomás Fernández Herrerín (Tao). Ambos fixeron un traballo excepcional. Tomás é subcampión de Europa, só por detrás de Ucraína e Irea Abuín quedou na terceira posición, por detrás de Ucraína e Italia.

E rematou a participación de Galicia este venres coas parellas de + de 18 anos, na que Manuel Alejandro Paz e Bárbara Di Martino (Hebe) lograron a medalla de bronce, empatados a puntos cos segundos. O empate non foi só a puntos, senón tamén nas habilidades técnicas e finalmente tivo que decidirse polas notas máis altas e máis baixas. Sen dúbida, grandísima actuación dos nosos deportistas.

Aquí tedes o calendario dos galegos para o sábado.

SÁBADO

Júnior:
Laura Álvarez Suárez Tomás Fernández Herrerín

Máster 2:
Esperanza Fernández Iglesias

Trío 1:
Alejandro Losada Rodríguez Carlos Rey Cuadrado Álvaro Portela Diéguez

Freestyle +18:
Manuel Alejandro Paz Romero Celia García Blanco

Parella Freestyle – 17:
Iago Gil Vázquez e Ángela Paz Romero.

GALERÍA