Pontevedra, 27 de xullo de 2019.- A XVI edición da popular carreira nocturna de Vilagarcía de Arousa celebrarase á noite deste sábado integrada por vez primeira no «Depo Desafío», o formato de probas deportivas organizado pola Deputación de Pontevedra e que neste 2019 chega a súa segunda edición.

A carreira, que comezará ás 22.30h, ten un percorrido de 10 quilómetros e sairá desde a avenida da Mariña. Nesta proba deportiva participarán preto de 250 persoas. Amais haberá unha carreira para rapaces e rapazas que comezará ás 21.00h e na que esperase a participación de máis de 200 nenos e nenas.

Despois das dúas primeiras probas a clasificación xeral do «Depo Desafío 2019» chega a Vilagarcía liderada por Iria Campos, en categoría feminina, e Alexandre Rodríguez, en masculina. A gañadora e o gañador final da clasificación do circuíto da institución provincial, para a que teñen que ter participado en 4 das 5 probas, recibirán como premio o dorsal para competir na Maratón de Berlín, con desprazamento e aloxamento incluídos.

Tras a carreira nocturna de Vilagarcía de Arousa, as seguintes paradas do «Depo Desafío 2019» serán Cuntis, co seu trail, e Vigo, co tríatlon que porá fin en outubro á segunda edición do programa deportivo da institución provincial.

O «Depo Desafío», que este ano chega a súa segunda edición, é unha das actividades postas en marcha pola institución provincial para popularizar este tipo de probas deportivas á vez que se promove o destino turístico, razón pola que as probas se distribúan ao longo do territorio pontevedrés e, do mesmo xeito, concienciar á poboación da urxencia de practicar deporte no medio natural dun xeito respectuoso, sustentable e responsable.