Título, marcón e tres pasaportes para Tariku Novales

0

Sensacional o Campionato de España de Media Maratón  vivido no día de hoxe en Sagunto ó cal acudirían un nutrido número de galegos e galegas a tomar parte.

Sen lugar a dúbidas o máis salientable foi o título de campión de España conseguido por Tariku Novales onde ademáis establecería un rexistro de 1h.02:33 que representa a consecución de nada menos que das mínimas para tomar parte no Campionato do Mundo de Medio maratón, Campionato de Europa de París e da Copa de Europa dos 10.000 m., un merecido premio logo de que o ano pasado deixara no noiense algún que outro sinsabor.

Seguindo con este campionato, é de salientar tamén o comportamento dos atletas do ADAS Proinor quenes nada menos que colleitarían catro medallas. Para comezar, o atleta con ficha de Castela León Alberto Sánchez, proclamaríase subcampión nacional absoluto, sendo José Manuel Fernández o novo campión de España na categoría máster 50 logo de realizar un rexistro de 1h.11:22 o que representa un novo récord galego da súa categoría. Ricardo Vázquez na categoría Máster 45 lograba de igual modo a medalla de bronce cun crono de 1h.12.44. Por equipos os de Valdeorras e por vez primeira na súa historia, proclamaronse Campións de España por clubs na categoría máster45 e + completando unha fin de semana fantástica.

Belén Toimil 17.21 m. en peso e novo récord galego absoluto de pista cuberta

Outros rexistros que aconteceron esta fin de semana e que son merecedores de atención, foron os 17.21 metros lanzados por Belén Toimil no concurso de peso en Valencia durante a disputa do Campionato de España de Clubs e que representan un novo récord galego absoluto de pista cuberta que volven a colocar á nosa mundialista de Mugardos novamente na elite logo de ter superado a súa lesión.

Outra das gratas surpresas foi a presenza de Saleta Fernández quen chegaba ata os 1.80 m. nun concurso de altura na que prácticamente non se plantexaba tomar parte por problemas físicos, pero que poden facer replantexar o calendario da monfortina.

Excelentes resultados na Copa Deputación de Lugo

Para rematar, outros dos puntos importantes onde se acadaron bos rexistros, foron as xornadas da Copa Deputación de Lugo que contaron cun gran número de participantes. Nas mesmas o máis salientable foron os 9:35.3 nos 3.000 m. da Sub16  Xela Martínez, quen logra mínima para tomar parte nos Campionatos de España absolutos. O concurso de xavelina tamén deixaría bos rexistros cos 43.27 m. de Ivanna Carolina Román, os 40.05 m. de Paula Piñón e os 33.64 de Laura Rico.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Atletismo