• Organízase unha proba de trail con 27 km, un mini trail e dúas andainas polos montes do concello 
  • As inscricións nas camiñadas e na fila 0 terán un fin solidario, destinado á Fundación Josep Carreras contra a leucemia 

Cuntis, 28 xuño de 2019 (Vía Láctea Comunicación).- O balneario Termas de Cuntis patrocina o “VII Trail Vila de Cuntis”, organizado polo Club de Montaña Xesteiras. A carreira celebrarase o domingo, 7 de xullo, con saída e chegada na Praza das Árbores do Concello de Cuntis. A saída será ás 9:00 horas e polo momento a carreira conta con 247 inscritos nas modalidades de fila 0, trail, mini trail e dúas andaina.

A proba de trail terá un percorrido aproximado de 27 quilómetros e discorrerá por parte dos montes de Cuntis: saída desde a Praza das Árbores dirección ao monumento de Maráns, O Pazo, Laxos, Castro Sebil onde se cruzará o río Umia, Vilar de Mato e Alto do Cávado onde comezará o regreso por Cequeril, Hermida, Alto do Castro, Sebil, Laxos, O Pazo e Cuntis, acumulando un desnivel positivo de 1.500 metros aproximadamente.

Poderán participar as persoas que o desexen, maiores de 18 anos, ata un máximo de 300 participantes, repartidos nas seguintes categorías: absoluta (masculina e feminina), veteranos de 45 ou máis anos e veteranas de 40 ou máis anos. A inscrición para o trail estará aberta ata o xoves, 4 de xullo, a través da web Galitiming (https://inscripciones.galitiming.com/inscripcion/index.php?id=9074). A inscrición da dereito a participar na proba, seguro de asistencia sanitaria e de responsabilidade civil, bolsa do corredor, avituallamentos, duchas, aloxamento no pavillón municipal de Cuntis e comida postcarreira.

O percorrido estará sinalizado con banderolas de cor vermella e cintas de plástico de brancas e azuis, sendo obrigatorio o paso polos controis establecidos. Os participantes que superen as 3 horas 45 minutos no paso polo Alto do Cádavo (km 15 aproximadamente), deberán retirarse da proba xa que nin a organización nin os servizos de asistencia poden garantir a súa cobertura. Ademais, os “corredores escoba” ou responsables de cada control terán potestade para retirar da proba a calquera corredor/a se o seu tempo en carreira ou o seu estado de saúde así o aconsellan. Haberá cinco avituallamentos líquidos, máis ou menos cada cinco quilómetros, e tres avituallamentos sólidos nos km 10, 15 e 20, máis o de meta que será líquido e sólido.

Entregarase unha cesta de produtos típicos da zona aos tres primeiros de cada categoría e tamén para o mellor equipo, ademais de entradas para o balneario Termas de Cuntis. Para esta clasificación por equipos, teranse en conta os tempos dos cinco primeiros clasificados de cada equipo (mulleres ou homes) que participen no trail. 

A andaina deportiva forma parte do Open de Andainas de Galicia

A quinta edición do mini trail Vila de Cuntis comezará tamén ás 9:00 horas, con saída e chegada na Praza das Árbores do Concello de Cuntis. Terá un percorrido aproximado de 17 quilómetros, igual ao da proba do trail, acumulando un desnivel positivo de 780 metros aproximadamente. Poderán participar as persoas que o desexen, maiores de 18 anos, ata un máximo de 300 participantes. Os menores de idade deberán ir acompañados por unha persoa maior que se fará responsable, pero en todo caso deberá estar previamente inscrito. Entregarase un lote de regalos aos tres primeiros homes clasificados e ás tres primeiras mulleres clasificadas no mini trail.

Finalmente as andainas. Programouse unha longa deportiva de 25 quilómetros, que forma parte do Open de Andainas de Galicia, e unha curta popular de 17 quilómetros, serán probas non competitivas nas non haberá premios. As inscricións para o mini trail e a andaina estarán abertas tamén ata o xoves, 4 de xullo, na web Galitiming:

https://inscripciones.galitiming.com/inscripcion/index.php?id=9266.

O percorrido das andainas é común ata o lugar de A Paizosa (km 5), no que se dividen e os participantes que non queiran facer o percorrido longo poderán acortar desde ese punto. O percorrido da andaina longa vai ata Vilar de Mato e desde aí sube pola ladeira do Cávado, pasa pola Pedra Cabalgada e baixa de novo a Vilar de Mato para seguir pola ruta de sendeirismo de Ponte do Ramo, cruza o río Umia por un paso natural de pedra e volve a subir para o pinar de Rebordelo. A partir de aí, vólvese a unir coa ruta curta e baixan durante case 8 km pola ruta de sendeirismo do río Umia ata Cuntis.

A totalidade do recadado na inscrición da fila 0 e a metade do das andainas será doado á Fundación Josep Carreras contra a leucemia. Doaranse 2 euros da inscrición, así como todo o que se recade o mesmo día ao longo da mañá na Praza das Árbores de Cuntis. Esta edición do “Trail Vila de Cuntis” está patrocinada por Termas de Cuntis, Concello de Cuntis, Deputación de Pontevedra e as empresas Oxipro, Supermercados Merca Más e Versos de A Ruda.