Tenis de Mesa / Triunfo épico no debut do Arteal SD Compostela

0

 

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2021.- O ARTEAL SD COMPOSTELA comezou na Super División cunha gran vitoria por 4-2 nun partido épico de 4 horas e 55 minutos de duración, no que cada manga tivo un nivel altísimo de xogo e resultados moi axustados.

A balanza non se decantou ata o último punto do quinto set do sexto partido, xa que todos os xogadores realizaron un gran labor e ningún cedeu no seu empeño por lograr o triunfo, sendo a loita unha constante en todos os xogos.

Os primeiros en saltar á pista eran André Silva (Arteal) e Martín Betancor. O xogador local comezaba ben, adiantándose no marcador, pero varios erros levábanlle a perder o primeiro set por 9/11. Reaccionaba nos dous seguintes e impoñíase con relativa comodidade por 11/4 e 11/5. O cuarto, máis igualado, tamén caía do seu lado por 12/10 (1-0).

Os protagonistas do segundo partido eran Enio Mendes e Nicolás Galvano. O xogador do Arteal dominaba o primeiro set por 11/5, pero perdía o segundo 11/9. No terceiro volvía impoñerse por 11/9, sobre todo polos seus golpes de ataque de dereita en paralelo que non permitían ao seu rival o contraataque. O cuarto era novamente para Galvano por un axustado 9/11, mentres que no quinto e definitivo Enio sempre estivo por diante no marcador e acabou gañando por 11/8, nun partido no que ambos mostraron un nivel altísimo para ser o debut na tempada (2-0).

Co marcador 2-0, saltaban á pista Humberto Manhani e Miguel Vilchez, un novo duelo con alternativas, no que Humberto non logrou entrar no seu ritmo de xogo habitual. Primeiro set para Vilchez por 7/11, segundo para Humberto 11/9, novamente Vilchez gana o terceiro 9/11, pero Humberto imponse no cuarto 11/6. No quinto con 8/7 no marcador, tres bólas na rede de Vilchez danlle vantaxe e logra a vitoria por 8/11 (2-1).

André e Galvano, xogábanse o cuarto punto. Comezaba ben o xogador do Arteal e situaba o 10/8 no primeiro set, pero non pechaba o xogo e perdía por 10/12. O segundo set era unha repetición do primeiro, André por diante no marcador ata o 10/6, pero novamente Galvano remontaba e impoñíase por 10/12. Aí empezaba a remontada de André, que lograba impoñerse nos dous seguintes sets por 11/7 e 11/9, novamente había que recorrer ao quinto set e outra vez Galvano lograba unha vitoria axustada por 9/11 (2-2).

Con empate no marcador, Humberto e Martín tiñan a responsabilidade de asegurar como mínimo o empate para os seus equipos. Humberto asumiu desde o primeiro punto o seu xogo de ataque e mostrouse moi superior ao seu rival, non deixándoo entrar no ritmo de partido, co cal lograba unha vitoria clara 3-0 (11/7, 11/8, 11/7), dando un recital de xogo de ataque, tanto coa dereita como co revés (3-2).

Co empate garantido para os nosos, o último partido disputábano Enio e Vilchez. Comezaba ben o xogador do Arteal e adiantábase 10/8 no primeiro set, pero novamente deixaba escapar a vantaxe e perdía por 10/12. Tocaba remontar e despois de pasar polo banco, Enio melloraba o seu xogo e superaba ao seu rival cun xogo de ataque total, impoñéndose nos dous seguintes por 11/6 e 11/9. No cuarto, Enio baixaba un pouco o seu nivel e isto permitía a remontada de Vilchez, que gañaba por 7/11. As cousas non comezaban ben no quinto e definitivo set, Enio demostraba certo cansazo e Vilchez adiantábase 0-3, nese momento o banco do Arteal pedía un tempo morto, Enio tentaba recuperarse fisicamente, pero ao renovarse o partido, dous novos puntos de Vilchez situaban o 0-5 no marcador. Todo parecía indicar que o resultado do partido ía ser o empate, pero nese momento apareceu a capacidade de loita de Enio, punto a punto foise achegando ao seu rival e mellorando o seu nivel de xogo, lograba situar o 6-9, momento no que o técnico do conxunto pontevedrés solicitaba un tempo morto, novo respiro para Enio. Na continuación continuaba coa súa remontada, logrando o empate 9-9, pero Vilchez logra un punto e sitúa o 9-10, bóla de partido. Enio mantense no seu xogo e logra tres puntos consecutivos para gañar por 12-10, nunha remontada histórica (4-2).

O próximo partido de liga será o venres 12 de novembro, ante o favorito do grupo, o conxunto catalán do Borges.