Taekwondo / Tania Castiñeira, ouro no Open de Montenegro

0

Tania Castiñeira (+73, Hebe) segue imparable e esta fin de semana acadou o ouro no Open de Montenegro (G1)! Non foi a única galega presente, xa que tamén participaron Alma Pérez (-53, Suh Boiro), Pablo Patiño (-68, Patiño) e Manu Parada (-68, Natural Sport Ribeira), aínda que non houbo máis medallas.

Imos ver como foi o percorrido de Tania Castiñeira en Podgorica! En primeira rolda superou á serbia Nina Perisic con claridade (2-13), nun combate dominado de principio a fin por Tania.

En semifinais a rival era a eslovena Nursa Urnaut, pero non compareceu por lesión, de forma que se plantou na final onde tería enfronte  a súa compañeira do CAR, Belén Morán. Foi un combate fermoso e competido. Tania comezou por diante no marcador (0-3) pero a andaluza logrou adiantala ao final do segundo asalto nunha gran acción (4-3). No terceiro e decisivo asalto, a galega conectou unha patada arriba e puido levarse finalmente o combate por 5-6.

Pola súa banda, Alma Pérez (-53) estivo moi preto das medallas. No primeiro combate foi moi superior a Aleksandra Germanac (Serbia) á que venceu por 3-17. Nos cuartos esperaba Laura Rodríguez, del Hankuk. Foi unha loita tremendamente axustada que se decidiu por só un rexistro despois de rematar o combate empatado tamén no punto de ouro.

Pablo Patiño (-68) regresou á competición despois de pasar a COVID-19. Na primeira rolda superou ao brasileiro Joao Victor Souza por 18-15. Foi un combate duro, xa que o brasileiro era un competidor moi alto e con ritmo, pero Pablo soubo adaptarse ás circunstancias para gañar. En cuartos de final tiña como rival ao cabeza de serie número 2, Zinedin Beqai (Montenegro). Foi unha loita moi axustada que se decidiu por so un punto (7-6) a favor do local. Pablo competiu ben e tirou varias patadas á cabeza que pese a tocar, non foi o suficiente como para puntuar e así se escapou a medalla. Neste mesmo peso, Manu Parada caeu no primeiro combate ante o bosnio Sadmi Habibovic (4-6). O galego non se sentiu cómodo en ningún momento e penas puido conectar golpes.