Susana Rodríguez acadou a medalla de prata no Europeo de Tartu

Mañá competirán Iria Rodríguez e Inés Castaño na proba júnior e Uxío Abuín e Camila Alonso, en elite.

0

Susana Rodríguez Gacio (Tríatlon Mar de Vigo) deu a primeira alegría para o tríatlon galego no Campionato de Europa de Tríatlon Distancia Sprint, que se está celebrar en Tartu (Estonia). A viguesa logrou a medalla de prata xunto a súa guía Paula García Godino. Mañá venres será a quenda de Iria Rodríguez e Inés Castaño (en júnior feminino) e Uxío Abuín e Camila Alonso (en elite).

A primeira en competir no Europeo foi a paratriatleta Susana Rodríguez, na categoría de PTVI (para deportistas con discapacidade visual). Enorme a carreira de Susana e a súa guía Paula García Godino, que destacaron especialmente na bicicleta e nas magníficas transicións. Na natación perderon algún tempo sobre a británica Alison Patrick (40 segundos), que ao final foron decisivos, xa que tanto na bicicleta como na carreira a pe estiveron moi igualadas e amosándose moi superiores ao resto. O gran traballo nas transicións lles permitiu recortar segundos ata quedar na segunda posición a só 25 segundos da primeira clasificada, Alison Patrick.

E todo isto ten aínda máis mérito despois duns días de desesperación por parte da nosa deportista que veu como o seu tándem chegaba esnaquizado a Estonia despois da viaxe en avión en Ryanair. Tiveron que tirar dun tándem antigo para poder competir e así e todo, prata no Europeo e cun moi bo traballo.

O venres teremos unha grande presenza galega no Europeo de Tartu.

No Europeo júnior feminino (12:15 horas), Galicia conta con dúas participantes: Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) –no seu último Europeo júnior- e Inés Castaño (Arcade Inforhouse), que tentarán facer un bo papel nunha proba internacional, onde aínda non teñen moita experiencia. Ademais, o domingo celebraranse as probas de relevos mixtos júnior, co título de Campión de Europa en xogo.

Posteriormente celebrarase a proba de elite feminina (13:00 horas) con Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) na lista de saída, e máis tarde (15:00 horas) Uxío Abuín sae con dorsal 1 en elite masculina. Uxío parte con opcións de acadar un bo resultado e para iso necesita facer unha boa natación, mentres que haberá que ver como se atopa Camila, que a pasada fin de semana non tivo un bo día na proba das Series Mundiais de Hamburgo. As distancias serán de 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pe.