A sorte está botada. A sede da Real Federación Galega de Fútbol en Santiago de Compostela albergou durante a tarde deste xoves o sorteo da Copa Galicia masculina e feminina de fútbol sala, unha competición única e especial na que tomarán parte a próxima tempada un total de 41 equipos: 31 na categoría masculina e 10 na feminina.

Esta nova edición da Copa Galicia de fútbol sala arrincará o próximo 24 de agosto coa disputa, no caso da cita masculina, das eliminatorias correspondente aos 1/16 de final e coa celebración (cómpre sinalar que o Pizarras Los 3 Cuñados quedou exento no sorteo e accede directamente aos oitavos de final), e no caso da competición feminina, dos encontros correspondentes á fase de grupos.

Na categoría masculina son 31 os equipos (correspondentes á Primeira e Segunda División da LNFS, á Segunda División B, á Terceira División Nacional e catro bloques de Preferente-os dous primeiros clasificados de cada grupo ao termo da fase regular da pasada campaña-) que loitarán por facerse co título autonómico.  Os encontros de oitavos de final terán lugar o 31 de agosto e os cuartos de final disputaranse o 7 de setembro. As datas elixidas pola RFGF para a celebración das semifinais son o 25 de febreiro (a ida) e o 18 de marzo (a volta).

A gran final está prevista para o mes de abril nunha data aínda por determinar.

 

Competición feminina  

Un total de 10 equipos participarán nesta nova edición da Copa Galicia: os 4 equipos galegos que o curso pasado militaron en Primeira División (Burela Pescados Rubén, Ourense Envialia, Poio Pescamar e Viaxes Amarelle), os outros 4 de Segunda (A Fervenza, Cidade das Burgas, O Fisgón Futsal e Valdetires Ferrol) e dous conxuntos de Preferente (FSF Castro e Leis Pontevedra).

Na cita feminina os 10 equipos participantes foron distribuídos en catro grupos, sendo cabezas de serie de cada grupo os equipos de Primeira División. Os encontros correspondente á fase de grupos terán lugar o 24 de agosto, 31 de agosto e 7 de setembro, clasificándose para as semifinais os campións de cada grupo.

O primeiro clasificado do Grupo 1 loitará por un sitio na gran final contra o primeiro clasificado do Grupo 4, mentres que os outros dous campións dos Grupos 2 e 3 enfrontaranse entre eles polo outro billete para a final.

Do mesmo xeito que na categoría masculina, as semifinais disputaranse o 25 de febreiro e o 18 de marzo, mentres que a gran final tamén está prevista para o mes de abril.