Sofía Álvarez e Jorge Punzón reinan no Campionato Xunta de Galicia de Eliminator

0

Unha especialidade emerxente no BTT galego pechou este domingo dúas intensas xornadas de competición no circuíto de Chan de Gagán. O día despois do Mini BTT e do Campionato Xunta de Galicia de XCO, a Xaxanbike 2021 viviu a loita polos títulos autonómicos de Eliminator. Sofía Álvarez (Cambre-Caeiro) e Jorge Punzón (Cosmos) subiron ao máis alto do podio en Marín como gañadores absolutos.

Co XSM exercendo de anfitrión, regresou ao calendario autonómico un campionato que non se celebraba dende a súa primeira edición, no 2017. O club marinense preparou un percorrido de 700 metros no mesmo escenario que o sábado acolleu as carreiras de XCO e o formato foi o habitual nos eventos de Eliminator: unha contra o reloxo individual que distribuíu aos bikers no cadro de eliminatorias, comezando en oitavos de final, con catro participantes e dous billetes en xogo á seguinte rolda en cada carreira.

O mellor crono na CRI masculina estableceuno Andrés Valcárcel (Monforte), detendo o reloxo en 2 minutos 9 segundos e 426 milésimas, batendo por pouco máis dunha décima a Anxo Carril (Coruxo) e a Jorge Punzón. Porén, o biker máis rápido na proba individual despediuse na competición nos cuartos de final cometendo un erro nunha curva a poucos metros de meta. Adiantouno Mauro González (Salvaterra) e a outra praza para as semifinais acadouna Alberto Pedreira (Bici Verde).

Nesta mesma rolda tamén rematou a participación doutro dos favoritos. A Toni Ferreiro (Coruxo), múltiple campión de España de Descenso e Enduro, rompéuselle a cadea da súa bicicleta e quedou apeado.

Final masculina

A carreira definitiva alcanzárona Mauro González, Alberto Pedreira, Anxo Carril e Jorge Punzón. Tras pisar o caixón dos dous últimos campionatos estatais de Eliminator, o porriñés do Cosmos confirmou nesta final a súa condición de especialista. Un triunfo co mérito engadido de ter sufrido unha semana antes unha dura caída que lle provocou danos na boca e que o levou a causar baixa no campionato autonómico de Enduro e no de XCO.

Por detrás de Punzón entrou Pedreira e a medalla de bronce acadouna González. O júnior Carril fixo cuarto tras compartir grella con tres corredores con licenza Elite.

Competición feminina

Nas mulleres tamén houbo nova campioa respecto á primeira edición deste evento. Sofía Álvarez dominou tanto a CRI como a final. A júnior do Cambre bateu por 25 segundos a súa compañeira de equipo Carmen Mallo na contra o reloxo e volveuna superar na carreira que repartiu os metais. O de bronce obtívoo Aída García (Team Farto).

O programa deste Campionato Xunta de Galicia completouse coas probas de promoción de cadetes e infantís. Danny Buba (Coruxo) impúxose en cadetes a Héctor García (Poio Bike) e a Xano Gil (Ponteareas), segundo e terceiro respectivamente, mentres que en infantís Xian Alvariño (Ponteareas) estivo escoltado no podio polo segundo clasificado Xoel Cidras (Marín) e polo terceiro Aitor Albar (Poio Bike). O concelleiro de Deportes de Marín, Antonio Traba, e o coordinador de Deportes, Antonio Caíña, encargáronse de entregar os premios na cerimonia de clausura da Xaxanbike 2021.