Sexto posto para Adrián Barros na proba en liña sub23 do Campionato de España

0

A participación da Selección de Galicia no Campionato de España de ciclismo en estrada que se está celebrando na Región de Murcia concluíu este sábado coa disputa da proba en liña sub23. Despois da prata acadada o día anterior por Martín Bouzas na contra o reloxo individual, o combinado autonómico tivo en Adrián Barros ao seu corredor máis destacado. O vigués rematou en sexta posición tras 157,8 quilómetros con inicio en Archena e chegada en Lorca.

A carreira estivo marcada por unha fuga de 30 unidades que se formou cando se cumpría a primeira media hora de competición. Neste corte Galicia contou con tres representantes: Barros, Guillermo García e Abel Franco.

A fuga alcanzou unha diferencia de catro minutos sobre o pelotón antes de empezar a seleccionarse nas ramplas do Alto de La Perdiz, a subida máis esixente da xornada e que se coroaba no km 92. Arturo Grávalos (Murcia) marchouse en solitario e por detrás, a un minuto, estableceuse un sexteto perseguidor coa presenza de Barros.

Tres unidades dese grupo conseguiron contactar con Grávalos, mentres que o galego e Alejandro Gomiz (Comunidade Valenciana) quedaron como dúo perseguidor da cabeza de carreira. Paulatinamento irían cedendo tempo respecto aos catro ciclistas que se xogaron o campionato e Barros finalizou sexto, a 2:48 do gañador Carmelo Urbano (Andalucía).

O segundo galego foi García, duodécimo a 5:28 do vencedor. O pontevedrés volveu acariciar o Top-10 un día despois de asinar o undécimo posto na contra o reloxo.

Dos nove corredores da Selección de Galicia que tomaron a saída tamén completaron o percorrido Martín Bouzas e Raúl González, os dous a 10:34 do primeiro clasificado, e Aarón Mariño, a 11:54.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo