Sete riders compiten coas cores de Galicia este domingo no Campionato de España de Enduro

No Pirineo Aragonés arranca esta fin de semana un intenso calendario dos Campionatos de España de BTT.

0
Foto: Yaiza Fernández

No Pirineo Aragonés arranca esta fin de semana un intenso calendario dos Campionatos de España de BTT. A primeira modalidade que pon os seus títulos estatais en xogo neste 2020 é a do Enduro. Galicia contará en Castejón de Sos con sete riders da súa Selección e cunha importante nómina de especialistas que defenderán as cores dos seus equipos.

O combinado autonómico apostou pola base para confeccionar a súa convocatoria e cinco dos seus representantes pertencen á categoría júnior: Zoe del Río (XSM), Ismael Romero (PonteBike), David Fernández (Avanza), Manuel Loureiro (Coruxo) e Raúl Miranda (Coruxo). O encargado de lucir o maillot da Selección nos sub23 será Nicolás Carrera (Bike Comp. Santa Cruz), terceiro clasificado no 2019, e na competición elite participará Marco Veiga (CiclosQuintena).

O pasado ano o Enduro galego exerceu de anfitrión no Campionato de España celebrado en Moaña, unha cita que resultou histórica polos extraordinarios resultados que acadaron os riders autonómicos. Obtiveron catorce medallas, unha cifra nunca antes alcanzada. O gañador elite fora o vigués Toni Ferreiro (Coruxo), que esta vez opta pola categoría de bicicletas eléctricas, mentres que a vencedora elite do 2019, a ponteareá Desiree Duarte, non se inscribiu para esta edición.

Despois dos adestramentos oficiais deste sábado, o domingo ás 07:30 horas porase en marcha a competición coa saída do primeiro participante. Disputaranse cinco treitos cronometrados, que suman 11,5 quilómetros. A estes hai que engadir os sectores de enlace para completar un total de 38 km e un desnivel acumulado de 1.750 metros.

O primeiro parcial é o mítico Gallinero, de 4,7 km, que é considerado un dos mellores sendeiros do mundo por todos os especialistas debido a súa lonxitude e esixencia física e técnica. A continuación, os riders afrontarán a Endurera, de 3 km, á que seguirán os treitos Classic, de pouco máis de 1 km, e Coll Creek, de 1,3 km. A modo de peche, os corredores terán que enfrentarse a Bowl Posino, que cos seus 1,33 km de distancia dará o tempo definitivo a cada un dos participantes.