Na modalidade de parellas, exitazo de Galicia. O ouro foi para a parella formada por Sandra Gardini e Adrián Alonso (Yidam) que encantaron ao público coas súas acrobacias. Ademais, tivemos dous bronces: Para Aitor Priego-Eirim Vaamonde (Yidam) e Elena Varela-Alex Losada (Neka).

En freestyle -17, Manuel Paz (Hebe) acadou a medalla de prata, despois de realizar unha actuación case perfecta. Na semifinal quedara tamén segundo a só unhas centésimas do tailandés que ía primeiro. Por este motivo, Manu decidiu arriscar engadindo unha acrobacia de maior dificultade. A pesar do magnífico traballo, non puido acceder á primeira posición, pero sumou unha prata excepcional.

En quintetos Tailandia logrou a medalla de ouro, mentres que o quinteto galego (Eirim Vaamonde, Aitor Priego, Miguel Barreiro, Sandra Gardini e Adrián Alonso, do Yidam) foi prata e Italia –que o día antes non participara na demostración- foi bronce. Coma sempre, as e os rapaces do Yidam estiveron espectaculares, tanto que a speaker recoñeceu que era o seu favorito para gañar.

 

Eirim Vaamonde (Yidam) logrou a medalla de bronce mundialista en freestyle + 17 feminino. Eirim tamén arriscou na final para tentar subir posicións, cunha rondada mortal, que era a primeira vez que a incluía nun exercizo. Non saíu perfecta (aínda que nos adestramentos si), pero fixo un gran traballo que foi recompensando cunha medalla de bronce.

Na categoría masculina +17 anos, Adrián Alonso (Yidam) tamén nos ofreceu un programa espectacular, con moitísima forza. E así, medalla de bronce para o galego.

Onte celebrouse tamén a semifinal de rompementos e con máis éxitos para a nosa selección, que no día de hoxe pechará na final. Así en Jumping Múltiple Kick logrou clasificarse Ángel López (Mace Sport); en Spinning Kick –rompementos de xiro vertical e horizontal- lograron o pase para a final Adrián Ventín (Mace Sport) e Manuel Paz (Hebe). En Freestyle Breaking -combinación de rompementos, ata dez e nun tempo máximo de 2 minutos- teremos na final aAdrián Alonso (Yidam) e Miguel Barreiro (Yidam), mentres que en High Kick Performance (a patada máis alta) estará Miguel Barreiro(Yidam), que rivaliza cun coreano polo ouro, porque cos outros finalistas hai moita diferenza. Ambos romperon a 2 metros e 60 centímetros.

En Freestyle Dynamic Kicks & Breaking challenge -combinacións de patadas con acrobacia e despois rompementos- os galegos estiveron incribles, aínda que non puideron meterse na final. Batéronse contra os coreanos, que son de outro mundo.