Foto: David Dopazo, xerente da Cafetería Rosaleda, Sergio Pereira e Ramón Castro, responsable das Relacións Institucionais da SD Compostela.

Santiago de Compostela, a 7 de xaneiro de 2021.- Volve a Liga este domingo e faino para a SD Compostela cun duro partido contra un renovado Salamanca CF UDS no Helmántico. Sergio Pereira volverá alí despois da fatídica eliminatoria de ascenso de hai tres tempadas, confiando, desta vez, en traer os tres puntos para Santiago, xa que ve ao equipo moi ben e con gañas de plasmar o seu estilo sobre o céspede charro.

Obxectivo. Estamos ante un rival directo para o noso obxectivo, polo que empezar o ano gañando sería moi importante para nós e con esa idea imos a Salamanca.

Sensacións no campo. As veces, as sensacións foron mellores cos resultados, pero creo que deberíamos preocuparnos se fora ao contrario. Penso que imos na boa liña, temos que seguir con estas boas sensacións e ao final a Liga coloca a cada equipo onde merece.

Puntos a mellorar. Podemos dicir que as veces nos falta maldade á hora de facerlle dano ao rival, pero en liñas xerais o equipo está xogando ben, todos os xogadores saben o que teñen que facer e iso é moi importante porque cando as cousas saen mal sabes onde hai que traballar. Por iso, temos que seguir nesta liña e seguro que os resultados, ao final, serán mellores.

Formas de atacar. Non sempre podemos atacar contra once xogadores e por iso estamos traballando nas transicións ofensivas, pero ao final parece que non marcamos goles e somos un dos equipos máis goleadores do grupo, polo que esa non é a culpa.

Estilo. Como a maioría dos partidos dominamos, temos moitas ocasións e semella que todas teñen que acabar en gol, pero tampouco é así. Nós intentamos xogar ao noso estilo para ter o maior número de oportunidades posibles e mentres iso estea sucedendo, non deberíamos preocuparnos polo gol.

O Salamanca. Esta fin de semana vai ser un pouco incógnita, porque ficharon a varios xogadores, adestrador novo e iso provoca que non saibas como van a xogar ou que xogadores aliñará. A verdade é que a Liga é moi competitiva, todos os equipos compiten contra todos e iso a nós tamén nos beneficia para estar sempre concentrados.

Plasmar a idea propia. Case todas as semanas nos centramos en nós, aínda que, evidentemente, temos certos aspectos do equipo rival e traballamos sobre eles, pero esta fin de semana é unha incógnita, polo que iremos alí a facer o noso partido, o noso traballo e confío en que traeremos os tres puntos para Santiago.

Estado do plantel. O equipo véxoo ben, xa que, en liñas xerais, tampouco foron moitos días de vacacións. O grupo sempre está en contacto e o equipo ten gañas de volver a xogar, gústanos adestrar e en canto ás comidas, o equipo é moi profesional neste aspecto.

Posible meteoroloxía. Estes días está facendo bastante frío en Santiago e en Salamanca, sendo pola tarde, esperamos que o campo estea ben. Igual está algo conxelado polas zonas das bancadas, pero vai estar igual para os dous, polo que non vai a ser escusa.