Segunda vitoria de pretempada para o Celta de Coudet (2-0)

0

FICHA TÉCNICA

RC Celta 2-0 Pafos FC

Aliñación RC Celta: Dituro, Hugo Mallo, Aidoo, Fontán, Kevin, Fran Beltrán, Brais Méndez, Solari, Nolito, Cervi e Santi Mina. Na segunda metade entraron: Denis Suárez, Renato Tapia, Baeza, Carlos Domínguez, Lautaro, Okay, Rubén Blanco, Gabri Veiga, Álex Carbonell e Alfon.

Aliñación Pafos FC: Rudko, Aurelio, Palacios, Bajric, Michail, Panic, Foor, Hocko, Valakari, Semedo e Berigaud.

Goles: 1-0, min. 16 (Nolito). 2-0, min. 35 (Santi Mina).

Árbitro: Gabriel Quintairos

Campo: Cidade Deportiva Afouteza

ANÁLISE

O Celta afrontaba este segundo partido de preparación con ilusión, que segue en pé tras unha nova vitoria por dous a cero ante o Pafos FC. Os goles chegaron na primeira metade por medio de Nolito Santi Mina, aínda que o conxunto chipriota tamén tivo os seus momentos para poder marcar.

O encontro comezou co Pafos presionando ao Celta. Gozaron dunha ocasión que marchou por arriba da porta de Dituro. A continuación, o equipo vigués empezou a aproximarse á área rival, pero sen demasiada claridade. Con todo, nos seguintes minutos os de Coudet conseguiron roubarlle o balón ao equipo chipriota e chegou o primeiro gol da man de Nolito. Máis adiante o Pafos tivo outra oportunidade para marcar que deteu Dituro coa man. O Celta continuou presionando ata que Santi Mina anotou o segundo tanto da mañá. Antes de finalizar os 45 minutos, Franco Cervi puido marcar outro.

Na segunda metade o equipo celeste entrou presionando e dispuxo dunha boa xogada combinada. Aínda así, o Pafos tamén creou unha oportunidade de gol que solventou Aidoo. Máis adiante, Valakari puido marcar, pero o esférico marchou desviado. O equipo visitante chegaba aos tres cuartos do terreo de xogo, pero non era quen de disparar moitas veces entre os tres paus. No Celta, Santi Mina ou Fontán gozaron de sendas oportunidades para ampliar a vantaxe. Chacho Coudet introduxo ata dez cambios no equipo. As novas incorporacións tentaban construir ocasións de novo, como Denis Suárez. O de Salceda tivo unha que foi despexada por Rudko. Con todo, nin un nin outro conxunto conseguiu mover o marcador neste segundo tempo.

Segundo exame de pretempada para o Celta que remata con boas sensacións. Ante un rival máis esixente que o pasado sábado, o equipo conseguiu solventar ben o encontro. O vindeiro test será ante o Gil Vicente FC o martes día tres de agosto ás seis da tarde. Unha nova oportunidade para chegar da mellor forma posible á apertura de Liga ante o Atlético de Madrid.

Imaxe

Renato Tapia ante un futbolista do Pafos FC.

Fotografía: RC Celta.