FUTGAL.- Volveu a maxia do fútbol, volveu o público aos estadios e volveu rodar a pelota despois de moitos meses de incerteza. O deporte rei está de volta e o novo curso deparará fortes emocións.

Na Segunda División B foron tres os nosos que arrincaron con bo pé a tempada 2020-2021. O balance que nos deixa a xornada inaugural na categoría para os nosos seis representantes: dúas vitorias, un empate e tres derrotas.

O encargado de inaugurar a xornada foi o RC Celta B. Fíxoo o pasado sábado no campo do CD Guijuelo. O filial olívico logrou sumar un punto (0-0) ante o equipo dirixido por dous técnicos galegos: Jacobo e Marcos Montes.

A xornada dominical deparou outros dous encontros con representación galega á mesma hora. Ás 17 horas estreábanse a SD Compostela e o Coruxo FC. Os de Yago Iglesias caeron na súa visita ao Unionistas de Salamanca (2-0), mentres que o Coruxo FC tamén cedeu en O Vao ante o Zamora CF (0-1).

Un dos choques da xornada foi o que enfrontou na Malata a dous dos equipos chamados a facer cousas importantes este exercicio. Racing de Ferrol e Pontevedra CF enfrontáronse nun derbi de altos voos e foi o equipo granate o que levou o gato á auga (2-3) para sumar o seu primeiros tres puntos da campaña.

Riazor albergou o choque co que se puxo fin a esta primeira xornada no Subgrupo A de o Grupo 1. O RC Deportivo, con máis de tres mil espectadores nas bancadas do estadio herculino, sufriu de xeito abondo para lograr a súa primeira vitoria no curso e derrotou ao Salamanca CF UDS (2-1) grazas a un tanto de Eneko Bóveda no tempo engadido.

Clasificación