Segue a preparación do Xuvenil A da SD Compostela para a División de Honra

0

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2021.- O Xuvenil A da SD Compostela segue a preparar o seu regreso á División de Honra, competición que arrincará o vindeiro 5 de setembro. Nesta fin de semana longa, os nosos canteiráns acadaron o primeiro triunfo da pretempada contra un duro rival, o Ural Español CF, ademais de realizar unha xornada de convivencia.

En primeiro lugar, na matinal do sábado, en Santa Isabel, os branquiazuis superaron a un dos seus rivais no Grupo 1 da máxima categoría xuvenil, o Ural, por 2-0. Os tantos do capitán Axel Sánchez e de Hugo Alvarellos, ambos na primeira metade, decantaron un duelo no que os rapaces adestrados por Rati mostraron a súa mellor cara.

Pola súa banda, onte, os canteiráns aproveitaron o festivo de San Roque para desfrutar dunha gran xornada de convivencia, na que adestraron pola mañá, comeron xuntos e pola tarde pasárono en grande practicando piragüismo.

Sistema competencial do Cadete A

Ademais, nesta pasada fin de semana, o Cadete A da SD Compostela tamén coñeceu o sistema de competición da División de Honra, publicado pola Federación Galega de Fútbol.

Dentro do Grupo 1, a SD Compostela quedou encadrada no Subgrupo B, polo que competirá cos conxuntos da parte sur de Galicia. Así, acompañarano no grupo o AJ Lérez, Pontevedra CF, Arosa SC, Coruxo FC, RC Celta de Vigo, Rápido de Bouzas, CD Areosa, UD Santa Mariña, ED Val Miñor, Pabellón Ourense e Conxo Santiago.

Competirán en liga de ida e volta, para un total de 22 xornadas, clasificándose os catro primeiros para a Fase polo Título e os restantes para os Grupos de Permanencia. Nesa segunda fase, manterase a puntuación inicial e competirase a ida e volta contra os equipos do outro grupo, para un total de oito xornadas. Ao final, quedará un campión do grupo galego e seis descensos.

A primeira parte da competición arrincará o vindeiro 1 de outubro, mentres que o comezo da segunda fase está previsto para o 27 de marzo.