SD Compostela-Ourense CF, a gran final da Loira por o ascenso a Segunda B

O Ourense CF é o segundo finalista desta fase de ascenso á Segunda División B. Os de Fran Justo derrotaron ao Arosa SC (2-1) nun partido trepidante.

0
Foto: FUTGAL

SD Compostela e Ourense CF, primeiro e segundo na táboa ao termo da fase regular, xogaranse o vindeiro sábado 25 de xullo a partir das 19.30 horas o ascenso á categoría de bronce do fútbol español. Tras a clasificación do bloque santiagués na xornada de onte, hoxe tocoulle a quenda ao equipo da cidade de As Burgas, que na segunda seminal superou ao Arosa SC nun encontro trepidante. Martín Lamelas na primeira metade e Renan Zanelli de penalti, e cando mellor estaba no envite o Arosa SC, na segunda foron os goleadores do conxunto dirixido por Fran Justo.

A semifinal arrincou con moito ritmo por parte dos dous equipos, que en todo momento eran conscientes do que había en xogo. Con todo, as chegadas claras non chegaron ata o primeiro cuarto de hora de partido e na primeira do Ourense CF chegou o primeiro tanto do envite. Nese momento apareceu a maxia de Renan Zanelli para filtrar un pase na frontal e a calidade de Martín Lamelas para definir no man a man con Manu Táboas.

O tanto obrigou ao Arosa a asumir máis riscos, posto que os de Rafa Sáez sabían que debían anotar 2 dianas se querían certificar o billete para a final. O primeiro aviso do elenco preparado por Rafa Sáez chegou no minuto 23 nunha falta ao bordo da frontal da área, aínda que o lanzamento de Mon sacouno Cristian Parras.

Esta acción animou ao conxunto de Vilagarcía, que tras a pausa para a hidratación dispuxo doutra chegada moi clara para empatar a semifinal: Róber gañou a liña de fondo, puxo a pelota atrás e Jorge Sáez rematou a porta. No banco do Arousa cantábase o gol, pero Cristian Parras fixo a intervención do choque para evitalo.

A réplica do bloque que dirixe Fran Justo non tardou en chegar e no minuto 38 tívoa Martín Lamelas para asinar o seu dobrete particular. Á saída dun córner o futbolista do Ourense CF rematou a pracer, pero Manu Táboas interveu para evitar o 2-0.

Co 1-0 chegouse ao descanso.

Tras o paso polos vestiarios os de Rafa Sáez fóronse arriba e en apenas dous minutos dispuxeron de dúas ocasións claras nas botas, ambas, de Jorge Sáez, pero volveu aparecer Cristian Parra para envitar o tanto da igualada.

Tivo outra moi clara o Arosa no minuto 61 despois dunha gran combinación entre Jorge Sáez e Pedro Beda que non acertou a rematar completamente libre de marca ante a incredulidade do banco dirixido por Rafa Sáez.

Malia todo, e cando mellor estaba no partido o equipo de Vilagarcía, chegou o segundo tanto do Ourense CF obra de Renan Zanelli de penalti. Nesa acción, ademais, o Arousa quedou cun home menos por expulsión de Catú, quen cometeu a pena máxima tras derrubar a Pibe.

Co 2-0 e pouco máis dun cuarto de hora por diante o encontro morreu para os de Rafa Sáez, que loitaron ata final e chegaron a crer no milagre grazas ao tanto de Pedro Beda na recta final do encontro.

Malia todo, a clasificación para a gran final leva a sinatura do Ourense CF.

 

Ficha técnica

Ourense CF: Cristian Parras, William, Germán, Manu Mariña, Sergio Barcia (Portela, min. 71), Cassio, Murilo (Sergio de Paz, min. 86), Renan Zanelli, Pibe (Iker Revuelta, min. 82), Martín Lamelas (Juanma, min. 71) e Adri Castro (Rodri, min. 86).

Arosa SC: Manu Táboas, Adri Gómez (Javi Fontán, min. 62), Pacheco, Coti, Catú, Manu Rodríguez (Javi Otero, min. 76), Mon (Julio Rey, min. 62), Jorge Sáez (Suso, min. 76), Pedro García, Róber (Raúl, min. 82) e Pedro Beda.

Goles: 1-0, min. 15: Martín Lamelas. 2-0, min. 73: Renan Zanelli, de penalti. 2-1, min. 87: Pedro Beda.

Árbitros: Gustavo Vidal Fonseca (Santiago), asistido nas bandas por Pablo Bustabad Gomes e Álvaro Gil Soriano. Amosou cartón amarelo a Sergio Barcia e Murilo por parte local e a Mon, Coti e Manu Rodríguez polos visitantes. Expulsou con cartón vermello directo a Catú no minuto 73.

Incidencias: Estadio Abanca Balaídos. Segunda semifinal da fase de ascenso exprés á Segunda División B. Antes do comezo do partido gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas da COVID-19.