Saúl López e Laura Capa exerceron de vakners na Copa Galicia de Dumbría

0

El era o rival máis temido e ela demostrou a súa voracidade sobre o barro. O elite Saúl López (Maceda) e a júnior Laura Capa (Aleata-Farto) exerceron de vakners, o animal mitolóxico que deu nome á quinta xornada da Copa Galicia de Ciclocrós, este sábado no municipio coruñés de Dumbría.

O VI Ciclocrós Terras do Vákner reuniu no circuíto do Conco a máis de 300 participantes. No palmarés desta cita organizada polo Club Ciclista Dumbría tamén anotaron o seu nome como gañadores Uxía Soto (Avanza) e André Martínez (Avanza) en cadetes, David Fernández (Avanza) nos juniors, Carla Fernández (Río Miera) e Ángel Maneiro (Toxo) en sub-23, María Jesús Barros (Spol) nas elites, Rocío Blanco (A Forna) e Andrés Calvete (Monte Xalo) en máster-30, Natalia Raña (Corbelo) e Manuel Armada (Cidade de Santiago) en máster-40, Antonio Sousa nos máster-50 e José Manuel González (Maceda) nos máster-60.

O trazado de preto de tres quilómetros de lonxitude presentaba zonas moi enlamadas e a esixencia do percorrido permitiu que se marcaran notables diferenzas na carreira elite e sub-23 masculina dominada por Saúl López. O monfortino prolongou a súa xeira triunfal e asinou a súa terceira vitoria consecutiva na Copa Galicia. Cun tempo de 58 minutos e 45 segundos, o do Maceda cruzou a liña de meta sendo o único corredor capaz de baixar da hora de carreira.

Coa segunda praza, a 2:06 do gañador, fíxose o ciclista profesional de estrada Daniel López Parada (Burgos BH) e o podio completouno o líder da xeral, Jorge Punzón, entrando a 3:32. O representante do Cosmos superou por 18” a Antonio Mato (Toxo) e por 38” a Luis Fernández (Avanza) na axustada loita polo terceiro posto.

Entre as mulleres, a júnior Laura Capa sorprendeu ás corredoras elite e sub-23 para anotarse o seu primeiro éxito absoluto. A do Aleata Farto, tras 51 minutos e 47 de esforzo, venceu con 51” de marxe respecto á sub-23 Carla Fernández. A elite María Jesús Barros rematou terceira, a 1:23 da primeira clasificada.

Mesmos líderes

Malia a ausencia de dous líderes, o cadete Ricardo Buba (Coruxo) e o júnior Miguel Rodríguez (Ponteareas) por atoparse ambos no País Vasco para competir na Copa de España, ningún maillot dos rankings da Copa Galicia cambiou de propietario. Mantéñense no máis alto Laura Mira (Redondela) e Ricardo Buba en cadetes, Laura Capa e Miguel Rodríguez en juniors, Carla Fernández e Óscar Fernández (Avanza) en sub-23, Diana Blanco (Barbanzabike) e Jorge Punzón en elites, Rocío Blanco e Andrés Calvete en máster-30, Estela Lago (Bike O Facho) e Marcos Mayo (Noela) en máster-40, Antonio Sousa nos máster-50 e Antonio Fernández (Cambre) nos máster-60.

A xornada no Conco pechouse coa cerimonia de podio e de entregar os premios encargáronse Iván Pequeño, concelleiro de Deportes de Dumbría; César Ferrío, presidente do C.C. Dumbría; Vicente Formoso, director do C.C. Dumbría; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

A Copa Galicia estará de volta o vindeiro sábado cunha das clásicas do ciclocrós autonómico, o Trofeo Montes de Eiras no Rosal.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo