Non houbo sorpresas no Campionato de Galicia de Ciclocrós 2019 celebrado este domingo no Porriño. A dúas semanas para que se dispute o Campionato de España en Pontevedra, os mellores especialistas autonómicos exhibiron o seu estado de forma na última proba do ano. O elite Saúl López (Maceda) e a sub-23 Carla Fernández (Río Miera) encabezaron a nómina de trece ciclistas que se vestiron o maillot azul e branco na cita organizada pola A.D. Avanza no circuíto do Velódromo.

Saúl López non so revalidou o título da súa categoría, se non que se impuxo na clasificación absoluta da carreira elite e sub-23. O monfortino chegaba avalado polos resultados colleitados ao longo da temporada na Copa Galicia e asumiu o mando da proba dende o principio.

 Por detrás do representante do Maceda, o seu excompañeiro de club Carlos Canal (Burgos BH) protagonizou unha brillante remonta ata situarse segundo e garantirse o título sub-23. Despois de sete voltas ao circuíto porriñés, Saúl López cruzou a liña de meta cun tempo de 56 minutos e 40 segundos. A 39” rematou o limiao Canal e na terceira posición concluíu o local Luis Fernández Oliveira (Avanza), a 1:05 do vencedor.

Coa terceira posición elite fíxose o corredor profesional de estrada Daniel López (Burgos BH), actual líder da Copa Galicia. Ángel Maneiro (Toxo) e Óscar Fernández (Avanza), segundo e terceiro sub-23 respectivamente, escoltaron a Canal no podio da súa categoría.

A proba raíña feminina tamén tivo unha dominadora de principio a fin. Carla Fernández non deu opción a súa principal rival, á elite María Jesús Barros (Spol). A viguesa do Río Miera, campioa júnior no 2018, detivo o cronómetro en 48 minutos e 43 segundos, vencendo con 2:20 de marxe respecto á experimentada corredora porriñesa. A sub-23 Andrea García (Maceda) finalizou terceira e a cuarta praza ocupouna outra sub-23, Zaida González (Rosal).

Juniors e cadetes

Nunha xornada na que acompañou o tempo e déronse cita preto de 400 participantes, na categoría júnior viviuse unha dobre estrea no máis alto do podio. Miguel Rodríguez (Ponteareas), gañador este curso da Copa de España, triunfou con solvencia na proba masculina por diante de Zoe del Río (XSM) e de Anxo Carril (Coruxo).

 Máis emocionante estivo o desenlace da competición júnior feminina. Noela Saa (Maceda) obtivo o seu primeiro título júnior de ciclocrós nun apertado duelo con Laura Capa (Aleata-Farto). O Maceda tamén logrou o bronce nesta carreira por medio de Aida González.

As dúas medallas de ouro en cadetes quedaron no sur da provincia de Pontevedra. Entre as rapazas, a ponteareá Uxía Soto outorgoulle a vitoria á A.D. Avanza, entidade organizadora deste evento. Segunda finalizou Laura Mira (Redondela) e terceira, Sarela Conde (Maceda).

 A primeira posición na carreira masculina non a deixou escapar o gondomareño Ricardo Buba (Coruxo). A A.D. Avanza sumou dous podios máis nesta categoría, co segundo posto de Iván Fernández e o terceiro de André Martínez.

 

Masters

Seis maillots de campións de Galicia puxéronse en xogo nos grupos de idade masters. Darío Otero (Compostelano) ergueu os brazos nos máster-30 tras superar a Uxío Canosa (Esfola Arrós), segundo, e a Francisco Baña (Compostelano), terceiro. Pola súa banda, na carreira feminina desta categoría coroouse como gañadora Rocío Blanco (A Forna), con Montserrat Martínez (Ciclismo Oiense) entrando segunda e Noelia Portela (Máster Morrazo), terceira.

En canto ás máster-40, Natalia Raña (Corbelo) venceu con comodidade, batendo a Estela Lago (Bike O Facho) e a Sonia Costoya (Corbelo). Pola contra, a incerteza mantívose ata o final nos homes maiores de 40 anos con Manuel Armanda (Cidade de Santiago), o defensor do título, impoñéndose ao esprint a Xacob Agra (Máster da Louriña). O bronce acadouno Moisés Leboso (GD 10).

Tamén prolongaron a súa hexemonía os dous campións galegos de maior idade. Nos máster-50, o porriñés Marcial Rodríguez (Marcisport) foi profeta na súa terra. O dobrete dos corredores locais impediuno Mario Castro (Padronés) dado que terceiro rematou outro ciclista que corría na casa, Javier Lago (Spol). Mentres, Manuel González Ojea (Bici O Con) sumou outra coroa ao seu palmarés nos máster-60, tendo como compañeiros no caixón a José Manuel González (Maceda) e a Antonio Fernández (Cambre).

A entrega de premios contou coa presenza de Daniel Benavides, responsable da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en Pontevedra; David Alonso, concelleiro de Deportes do Porriño; Miguel García, presidente da A.D. Avanza; e de Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

A vindeira fin de semana o ciclocrós autonómico vivirá as dúas últimas probas puntuables da Copa Galicia, o sábado en Verín e o domingo en Maceda. Esta dobre cita será o derradeiro ensaio antes do Campionato de España en Pontevedra.