O vento e a chuvia fixeron acto de presenza no circuíto de Montefaro complicando aínda máis que os bikers puideran gozar das magníficas vistas á ría de Ares. Unha batalla deportiva nun escenario con pasado militar na que Saúl López foi o máis forte.

Ao máis alto do podio como gañadores das súas categorías tamén subiron Zaira Vila (Coruxo) e Miguel Rodríguez (Ponteareas) en cadetes, Andrea García (Academia Postal-Actyon-MMR) e Roi López (Compostelano) en juniors, Pablo Álvarez (Cambre-Caeiro) nos sub23, Nuria Senra (Eskornabois) nas elites, Juan José Chapela (Máster Morrazo) nos masters-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos masters-40 e Manuel Castro (Barbanzabike) nos masters-50/60.

A competición elite e sub23 presentou un duelo entre un representante de cada un dos dous grupos de idade. O elite López tivo no sub23 Álvarez ao seu principal adversario. “Chegaba con dúbidas polo frío e non sabía como ía respostar. Ao meu ritmo fun facendo oco”, comentou o gañador absoluto, que remataría vencendo cunha diferencia de 1 minuto e 5 segundos sobre o biker do Cambre-Caeiro.

López adaptouse mellor que ninguén a un circuíto que “non ten subidas moi duras, pero co barro e a chuvia facíase bastante técnico. Non é para nada perigoso, é ‘ratonero’, a min gústame”. A terceira praza acadouna Jorge Punzón (Prebentong), que superou por 11” a Alberto Pedreira (Bici Verde). Este resultado, sumado á ausencia do líder elite Esteban Sánchez (Extol – La Gramola Team), sitúa a Punzón ao fronte da xeral elite.

Do mesmo xeito, cambiaron de propietarios os maillots de primeiros clasificados noutros tres rankings do Trofeo Federación XCO. Raúl González (Academia Postal – Actyon – MMR) comanda agora a clasificación sub23, Nuria Senra a elite e Juan José Chapela a máster-30. Pola súa banda, defenderon con éxito os seus liderados Laura Capa (Farto) e Xoel Montes (AD Avanza) en cadetes, Alba Arias (Arteixo MB3) e Roi López en juniors, Alejandro Trasbach nos masters-40 e Manuel Castro nos masters-50/60.

 

Circuíto Deputación da Coruña

No podio do XCO Montefaro tamén se entregaron os maillots azuis de primeiros deportistas da provincia da Coruña no VI Circuíto Deputación da Coruña. Estas distincións correspondéronlles a Fabián Rodríguez (Caimanes Betanzos) nos cadetes, a Roi López e Andrea García en juniors, a Pablo Álvarez nos sub23, a Antonio Mato (Toxo) e Nuria Senra en elites, a Vítor Lourenzo (Ferrol) nos masters-30, a Alejandro Trasbach nos masters-40 e a Manuel Castro nos masters-50/60.

Alma Barrón, concelleira de Deportes de Ares; Begoña Carpinteiro, secretaria da Federación Galega de Ciclismo; e representantes do Pulpeiros Mugardos participaron no acto que pechou este evento. A seguinte cita do certame autonómico celebrarase o 7 de marzo na localidade pontevedresa da Cañiza e o circuíto provincial regresará o 1 de maio en Ferrol.

Foto: Luz Iglesias