Saro Seoane: “Era necesario mellorar no aspecto defensivo”

O lateral santiagués valorou en Cafés Sabora o paso adiante do equipo coas fichaxes.

0

Santiago de Compostela, a 9 de Outubro de 2019. Despois de vivir a súa estrea goleadora nesta nova tempada, o cal lle permitiu á SD Compostela sumar tres puntos moi complicados contra o Polvorín, Saro Seoane analizou, nas instalacións de Cafés Sabora, a previa do duro reto que afrontan os branquiazuis este próximo domingo, a visita á UD Ourense.

Rodeado dos sacos de café da empresa, que patrocina un ano máis ao club, mantendo a presenza na camiseta número 8, o lateral santiagués valorou este comezo de campionato na súa cuarta campaña no equipo. “Empezamos moi ben, con seis vitorias en sete partidos, e pasando en Copa, polo que esperamos que siga así”, comentou.

Pese ao importante número de incorporacións, estas, asegura, axustáronse moi rápido, sobre todo nun punto fundamental. “Onde tiñamos que mellorar era no aspecto defensivo. De momento encaixamos só tres goles, o que menos na liga, e iso débese tamén ás fichaxes, xa que achegaron experiencia”, puntualizou.

Tendo claro que na parcela ofensiva sempre se xeraron goles, o primordial, considera, era dar ese paso adiante atrás. “Por exemplo, se cadra no partido do outro día iríamos a marcar o terceiro con dez homes e despois custaríanos algún desgusto ao final, polo que se viu que gañamos moito neste sentido”, destacou.

Esta liña tentarana prolongar nas próximas xornadas e, en especial, xa no próximo duelo. “A tempada pasada estiveron entre os catro primeiros durante dous terzos da liga, pero esta estalles custando arrincar, cunha vitoria só, así que a ver se os pillamos nun momento complicado e sacamos os tres puntos de alí, xa que se trata dun campo moi complicado”, sinalou.

Por iso, pese ao bo inicio, avoga por seguir mellorando. “Esperamos ir a máis, xogando mellor para seguir sumando puntos”, remarcou. En especial, apunta que é importante agrandar o máximo posible o colchón con respecto aos rivais.

Por outra banda, en canto ao grupo, volveu destacar a unión que existe, polo que asegura que os novos se axustaron moi rápido. Entre eles, Saro atopa a un compañeiro moi especial, o seu irmán Jimmy. “Estou encantado de que este aquí, tiña xa ganas de xogar con el algún ano e a verdade é que estou contentísimo de compartir vestiario con el”, remarcou.

De momento, coa presenza de ambos nos laterais o Compos conseguiu, ademais do traballo defensivo, tres goles, un pola dereita e dúas desde a esquerda. “Nunca pensamos nun pique, pero se podemos marcar máis os dous, facémolo sen problema”, concluíu.