Nota de prensa de la Federación Gallega de Taekwondo

Sara Cortegoso estivo moi preto das medallas no Mundial Absoluto de Taekwondo, que se está a celebrar estes días en Manchester (do 13 ao 19 de maio). A galega gañou tres combates e caeu nos cuartos de final, ás beiras da semifinal, nos últimos segundos, despois de ir por diante durante os tres asaltos.

Sara Cortegoso (-46, Mace Sport) viviu a súa primeira experiencia nun Mundial Absoluto e ademais nun peso novo para ela dunha forma excepcional. A propia deportista explicaba que “estou moi contenta, a pesar de perder nos cuartos de final, porque o campionato pensaba que era moi grande e non esperaba pasar tantas roldas”.

O primeiro combate foi ante Michelle Tau (Lesotho) e foi o que máis lle custou, polos nervios, pero a pesar diso a nosa deportista era mellor e iso foi o que se veu reflectido no tapiz, a pesar dos nervios iniciais (17-12). En segunda rolda esperaba a iraní Dina Pouryounes, que compite por Holanda e que foi prata no último Europeo absoluto (2018). Pero novamente Sara foi por diante en todo momento, cun bo marxe e controlando o combate de forma absoluta (19-8).

Así chegou ata os oitavos contra a representante alemá Ozlem Guruz. Cortegoso volveu adiantarse con claridade no marcador, o que lle permitiu dominar na pista e gañar tamén fácil (18-5).

Desta forma a galega xa estaba nos cuartos de final, o combate decisivo xa que unha vitoria significaba unha medalla. Enfronte estaba Jae-young Sim, koreana, e a actual campioa do mundo neste peso, así que unha das grandes favoritas. E o descorrer do mesmo foi case perfecto para a pontevedresa. No primeiro combate Sara chegou a alcanzar unha vantaxe de 10 puntos e no segundo, a pesar de que lle recortou un pouco, logrou seguir por diante con certa comodidade. Pero no terceiro, a campioa mundial apertou moito e aquí se notou a falta de experiencia de Sara, que veu como se lle escapou a vitoria nos últimos vinte segundos (15-19).

Espectacular papel de Sara Cortegoso que no seu primeiro Mundial absoluto fixo catro combates e só caeu nos últimos segundos ante a campioa do mundo 2017. Agora o taekwondo galego estará pendente de Arlet Ortiz (-57, Mat´s) e Iván García (-87, Mat´s) que competirán o venres e domingo, respectivamente.