A Copa Galicia de Ciclocross 2015 entra na súa recta final e despois da antepenúltima xornada celebrada en Viveiro rexistra cambios nos líderes de tres categorías.

  • Sandra Moral (Marín) pasou a encabezar a clasificación Elite e Sub 23 feminina, Zaida González (El Rosal) a Junior feminina e Miguel Rey (PC Quintena) a de Master-40.
  • Adrian Valverde (Club Ciclista Rías Baixas) consolidou o seu dominino na proba raíña masculina.
  • Esta fin de semana a Copa Galicia de Ciclocross descansa para regresar o seguinte domingo co Campionato de Galicia en Ferrol e rematar o 3 de xaneiro en Maceda.

 

A Copa Galicia de Ciclocross 2015 entra na súa recta final e despois da antepenúltima xornada celebrada en Viveiro rexistra cambios nos líderes de tres categorías. Sandra Moral (Marín) pasou a encabezar a clasificación Elite e Sub 23 feminina, Zaida González (El Rosal) a Junior feminina e Miguel Rey (PC Quintena) a de Master-40. Mentres, Adrian Valverde (Club Ciclista Rías Baixas) consolidou o seu dominino na proba raíña masculina.

O segundo posto acadado por Sandra Moral en terras lucenses serviulle para alcanzar os 510 puntos e superar a Lucía Vázquez (PC Quintena), que non participou nas dúas últimas carreiras, e ten 420. A terceira posición ocúpaa María Jesús Barros (Spol) con 380 e cuarta é Desiree Duarte (Fornelos) con 370.

Idéntica renda, tamén de 90 puntos, ten o líder Elite e Sub 23 masculino Adrian Valverde. O baionés deu un paso de xigante en Viveiro cara a vitoria final absoluta na apertada pugna que leva mantendo durante todo o calendario autonómico con Paulo González (Salvaterra), primeiro elite. O corredor do Club Ciclista Rías Baixas, aínda en idade sub 23, suma 600 puntos e xa se distancia do terceiro, Mauro González (Salvaterra), en 220. 

Campión matemático

O asalto ao primeiro posto de Zaida González na táboa Junior feminina é a única novidade nas categorías inferiores. A rosaleira aproveitou a ausencia de Sara Trigo (Salvaterra) na última xornada para arrebatarlle o maillot azul da Federación Galega de Ciclismo. A súa vantaxe é de 40 puntos, 610 a 570. As dúas citas que restan do calendario serán definitivas, todo o contrario que no ranking Junior masculino con Pablo Álvarez (Cambre) como vencedor matemático da xeral gracias a demostrar o seu podería con catro triunfos parciais.

Para conseguir o título da temporada 2015 tamén o teñen moi ben dous ciclistas da EC Redondela en cadetes. Carla Fernández, gañadora en Viveiro, supera en 120 puntos a Ana Belén Domínguez (Marín) e en 140 a María Correa (El Rosal). O seu compañeiro Jacobo Álvarez tampouco deu opción aos seus rivais na Mariña e posúe un colchón de 70 puntos con Mario Fernández (El Rosal) e de 82 con Jorge Suárez (Avanza)

Masters

Dúas das tres categorías de masters presentan unha igualdade máxima. Narciso Piñeiro (Spol) lidera en Master-30 con dez puntos de vantaxe respecto a Andrés Calvete (Cambre). Pola súa banda, en Master-40 a loita é a tres bandas. Miguel Rey (PC Quintena) finalizou segundo en Viveiro e conquistou o primeiro posto da xeral con 480 puntos. Manuel Armada (Asociación Galega), vencedor nesta última cita, está a 26 puntos e Guillermo Álvarez (Fornelos), que ata esta xornada vestía a camisola azul, queda con 415.

En Master 50-60, Javier de la Fuente (Betanzos), campión da Copa de España 2015, non deixa de aumentar a súa marxe respecto a Antonio González (Salvaterra) e a diferencia alcanza os 90 puntos.