Samuel Meilán (Tao) fixo historia en Rodas (Grecia) nunha fin de semana perfecta para o deportista vigués. O galego proclamouse campión do mundo de taekwondo praia o venres e hoxe logrou o título de campión de Europa de técnica en sénior 2. Dous ouros en tres días de moitas emocións para as e os nosos deportistas. Mañá continúa o Europeo.

O título de campión de Europa logrouno hoxe cunha competición espectacular na que se enfrontou aos mellores e foi superándoos un a un. Ademais, tivo moitos cruces, ao non haber cabezas de serie. Así, en 16avos de final enfrontouse a Gran Bretaña, para posteriormente superar a Bulgaria en oitavos e a Francia en cuartos. Precisamente fora este deportista francés o que impedira a clasificación de Samuel para a final do Europeo de Belgrado hai dous anos. Francia foi prata en Serbia e Samuel, bronce tras unha axustada competición.

E aínda quedaban dous rivais máis por diante no seu camiño ata o cetro europeo. En semifinais, Meilán venceu a Dinamarca e na gran final superou a Turquía, que era o actual defensor do título europeo de hai dous anos.

Tres bronces máis. Ademais, na primeira xornada do Europeo de técnica e freestyle houbo tres bronces máis galegos. En freestyle, Gabriel Tembrás e Beatriz Felpeto (Moo Duk Kwan) acadaron a medalla de bronce en parella – 17 anos, mentres que Andrea Vilas e Samuel Alves (Tao) lograron esta mesma posición en parella + 18 anos. Por último, sinalar o bronce do quinteto do Tao, formado por Andrea Vilas, Samuel Alves, Lía de Araujo, Alejandro Losada e Manuel Rodríguez.

Na xornada de hoxe tamén competiu Noelia Pérez (Hebe) que quedou apeada da competición nos cuartos de final, ao caer contra Rusia. Con anterioridade, superara a Italia e Grecia.

Mundial Taekwondo Praia. Nos días previos ao Europeo (5 e 6 de maio) celebrouse tamén en Rodas o Mundial de Taekwondo Praia de técnica e freestyle, na que foi a súa primeira edición. A pesar da novidade desta modalidade, hai que destacar o altísimo nivel amosado, xa que estaban as principais potencias do taekwondo mundial.

Na modalidade de técnica, Samuel Meilán (Tao) acadou a medalla de ouro en + 30, facendo historia para o taekwondo galego e español. Pola súa banda Álvaro Portela (Hebe) foi bronce en – 17, mentres que a parella formada por Nerea Alamancos e Alejandro Losada (Tao) e o trío júnior formado por Gabriele Santomé, Álvaro Portela e Manuel Paz (Hebe) lograron subir ao terceiro chanzo do podio mundial.

En freestyle, Ingrid Gomez (Tao) logrou a medalla de prata en +18, mentres que Manuel Paz (Hebe) sumou a segunda posición en – 17. Tamén lograron a medalla de bronce neste mundial, Gabriel Tembrás e Beatriz Felpeto (parella -17); Andrea Vilas e Samuel Alves (parella +18) e o quinteto formado por Andrea Vilas, Samuel Alves, Alejandro Losada, Lía de Araujo e Manuel Rodríguez.