O redondelán do Supermercados Froiz, Samuel Blanco, estivo á altura dos mellores profesionais na proba en liña e cruzou a liña de meta na novena posición, xusto por diante do vilagarcián Gustavo César Veloso (W52-FC Porto).
O título Elite decidiuse por eliminación no percorrido de 185 quilómetros, con saída en Úbeda e chegada en Baeza, no que á dureza polo terreo houbo que engadirlle o desgaste provocado pola calor. Un fondista como Blanco soubo adaptarse ao ritmo marcado polos equipos profesionais. O Kern Pharma tirou do pelotón durante a maior parte da carreira, antes de que o Cofidis tomara o mando no inicio da última volta.
A unidade no grupo de cabeza rachouse por completo nos últimos quilómetros e Blanco alcanzou en solitario a liña de meta a 32 segundos do vencedor absoluto Luis León Sánchez (Astana). O representante do Supermercados Froiz ocupou a novena posición e avantaxou en 26″ a Ander Okamika (Netllar Telecom), segundo clasificado Elite. O podio desta categoría completouno Miguel Ángel Ballesteros (Caja Rural)
«Sabía que chegaba ben. Na Volta a Zamora fixen segundo e sabía que a xeral non se me escapara por forzas. Os números eran bos, estou ben de peso, aínda que aquí sempre é unha incógnita porque aquí están os mellores corredores de España. Hai que confiar, ser valente e hoxe saíu», explicou o de Redondela, que brindou este éxito a súa avoa falecida hai uns meses: «Foi unha motivación extra para lograr aquí o maillot de campión».
A 5″ do campión Elite concluíu Veloso, décimo na táboa absoluta e igualando o resultado que obtivo na contra o reloxo individual do venres. O arousán do W52-FC Porto volveu ser na proba en liña o mellor dos profesionais galegos. O cambadés Ángel Sánchez (Miranda-Mortagua) clasificouse 24º e o limiao Carlos Canal (Burgos BH), 73º.
Carreira sub23
Este éxito do ciclismo autonómico chegou o día despois de que ningún dos oito corredores da Selección de Galicia conseguira completar a carreira de fondo sub23. As caídas, as avarías e a esixencia do trazado deixáronos fóra de combate. Tampouco na competición Elite-Sub23 feminina ningunha das ciclistas galegas que tomaron a saída foi quen de finalizar a proba.