Santiago de Compostela, a 2 de Agosto de 2020.- Despois de catro tempadas sendo o mariscal do centro do campo da SD Compostela en Terceira División, Samu Rodríguez Noya estrearase en Segunda B coa casaca branquiazul. O segundo capitán compostelanista renovou o seu contrato automaticamente por un ano polo número de partidos xogados, unha extensión que o club tentará ampliar cando o equipo volva aos adestramentos.

Deste xeito, Samu seguirá no proxecto do Compos, ao que chegou nos seus inicios fai catro veráns. Desde aquela, e da man de Yago Iglesias, quen o trouxo do Noia CF, asentouse no centro do campo da SD Compostela, sendo o pulmón do equipo. Agora, froito do seu gran traballo, terá a oportunidade de demostrar a súa calidade e visión de xogo no terceiro chanzo do fútbol nacional, na que será a súa quinta campaña na capital galega.

Á Segunda B, Samu chega con 25 anos e con 109 encontros ás súas costas coa SD Compostela, unha experiencia na que viviu varios éxitos e récords da entidade: un ascenso, dúas ligas, tres playoffs consecutivos, unha Copa Deputación e unha Fase Autonómica da Copa RFEF.

Ademais, neste tempo tamén logrou 8 goles, demostrando unha gran capacidade de disparo desde fóra da área, a cal se puido comprobar este ano nos partidos contra o Racing Club Vilalbés e contra o Bergantiños CF, nos que abriu a lata co seu canón. Do mesmo xeito, o mediocentro de Bembibre xoga un papel principal dentro do vestiario, no que é un dos líderes, e na relación coa afección.

Coa súa continuidade, o proxecto do Compos para a Segunda División B xa conta con catro pezas aseguradas. O porteiro Borja Rey, o central Álvaro Casas e os valdubreses Samu e Brais Abelenda.