Despois dunha longa espera, comezou a nova temporada do rugby galego. Este curso, co novo deseño da competición en 1ª e 2ª división, promete máis igualdade na competición.
Barbanza R.C. compite na 2ª división e conta coa axuda do equipo irmán de Pontevedra R.C. que compite na 1ª división coas máximas aspiracións.
O domingo 16, ás 11 da mañá deu comezo esta temporada no campo de Santa Lucía co
enfrontamento entre Barbanza e Santiago. O día non podía ser mellor para os namorados deste deporte coa choiva arreciando sobre campo de Asados. Mostra foi a grada chea de afeccionados tanto locais como visitantes.
O partido comezou co nerviosismo propio do arranque de temporada e cunha loita sen cuartel. No toma e daca, foi Santiago o primeiro en adiantarse cunha transformación de golpe de castigo nominuto 10. A choiva non axudaba a manter a posesión do balón, provocando constantes balóns adiantados e as consecuentes melés. Despois dun par de patadas falladas por Santiago e varias internadas sen éxito de Barbanza na 22 contraria, non foi ata o minuto 31 cando chegou o primeiro ensaio do ano para o equipo da serea de man de Indalecio Freiría. Tornike Tegetashvili, Toko, transformou a patada; o exinternacional georgiano só fallou unha en todo o partido. O equipo barbanzano seguiu a loita ata conseguir un novo ensaio antes do descanso da man de Rafael Delgado.
A segunda parte comezou sen cambios nin na climatoloxía nin no empuxe do equipo local. Pronto chegarían 3 novos puntos nunha transformación de castigo. Pouco a pouco foron entrando recambios no Barbanza R.C. que permitiu manter a frescura no campo. No minuto 62 chegou un novo ensaio do omnipresente Toko e, no último minuto de partido, Jorge Rodríguez puxo a guinda cun novo ensaio para poñer o 29-3 final e sumar 1 punto bonus ofensivo aos 4 conseguidos coa vitoria.
Despois dunha merecida ducha, chegou a parte máis importante deste deporte: o terceiro tempo. Xa nada quedou da rivalidade dentro do campo; todos compañeiros, novos e vellos coñecidos, compartiron cervexa e paella.
Despois dunha difícil temporada sen vitorias o curso pasado, non pudo ser mellor a estrea. Coa guía do incombustible Ramón Parada, a irmandade con Pontevedra R.C. e as mesmas gañas de sempre, este curso promete novas alegrías e partidos trepidantes do equipo barbanzano.
Foto e texto. Barbanza Rugbi.