O programa de competicións das categorías masters arrancou con Rubén Deaño (Ourense Termal) conquistando a coroa máster-30 por diante de Andrés Calvete (Monte Xalo), segundo, e Roberto Rodríguez (Bicicletas Chinquena). Nesa mesma quenda, Juan José Saborido (Speedcross) colgouse o ouro máster-50 con Marcial Rodríguez (Quebici-Marcisport) na segunda praza e Manuel Castro (Barbanzabike) terminando terceiro, mentres que nos máster-60 Constante Lestido (O Trisquel) triunfou nunha carreira na que Antonio Fernández (Cambre) colgouse a medalla de prata e José Manuel González (Maceda), a de Bronce.
O palmarés masculino completouse coa vitoria nos máster-40 de José Rodríguez ‘Tami’ (Norinver), dobregando a Moisés Leboso (GD 10). A recompensa do terceiro posto recaeu en Uxío Canosa (Os Esfola Arrós). En canto ás mulleres, a máster-30 Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) cruzou a liña de meta por diante da máster-40 Natalia Raña (Corbelo). Terceira rematou a máster-30 Montserrat Martínez (Ciclismo Oiense) e Monica Alarcón (Louriña) concluíu segunda entre as máster-40.
As entregas de premios no podio contaron coa presenza de Antonio Golpe, concelleiro de Deportes de Ferrol, que acompañou aos representantes do Club de Campo, do Club BTT Esmelle e da Federación Galega de Ciclismo.