Rodri Veiga, novo adestrador da SD Compostela

O técnico do Barco de Valdeorras, tras cinco anos de segundo de Yago Iglesias, convértese na cabeza visible do proxecto branquiazul.

0
Rodri Veiga e Antonio Quinteiro

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021.- Rodrigo Veiga Alonso, “Rodri”, é o novo adestrador da SD Compostela. O técnico do Barco de Valdeorras, que actuou como segundo de Yago Iglesias nas pasadas cinco campañas, afronta o reto de guiar o proxecto da SD Compostela na Segunda RFEF.

Para Rodri, esta será a primeira experiencia como máximo responsable dun corpo técnico, debido a que deu o salto aos bancos, precisamente, coa chamada da SD Compostela e Yago Iglesias, no verán de 2016.

Tras cinco tempadas exitosas traballando de xeito conxunto con Yago, agora tomará as rendas do proxecto para continuar e manter esas sólidas bases que se marcou o club fai xa cinco veráns, as cales lle permitiron asentarse como un dos conxuntos de referencia da comunidade.

Por tanto, á fronte da nave estará unha persoa que coñece moi ben a casa, xa non só como adestrador, con 178 partidos sendo a man dereita de Yago Iglesias (catro deles actuando como primeiro técnico), senón tamén como xogador, xa que Rodri chegou á disciplina branquiazul para xogar no Xuvenil de División de Honra e acabaríase quedando oito campañas máis, catro no filial e outras catro no Primeiro Equipo, formando parte dun Compos que militou dous cursos en Segunda División A e outros dous en Segunda División B.

Co “si” de Rodri, a SD Compostela ponse en marcha para a nova tempada 2021/22, unha campaña na que o equipo seguirá co seu ilusionante camiño na Segunda RFEF.

Nos próximos días e semanas daranse a coñecer o resto dos integrantes deste novo corpo técnico, así como os xogadores que formarán parte dun plantel que buscará, con ilusión e sacrificio, seguir crecendo no fútbol nacional.