A Xoia Laranxa Renato Lopes Furtado chegou a un acordo co Pescados Rubén Burela FS para ampliar o contrato que tiña en vigor ata 2022 por unha tempada máis, ata 2023. “O club brindoume esta posibilidade e eu estou contento de continuar un ano máis na que é a miña casa. Espero seguir medrando persoalmente e como bloque darlle moitas alegrías á afección”, así de entusiasmado se amosaba o 12 mariñán.

Coa reafirmación de continuidade do ala nado en Cabo Verde formalizada en vésperas do decreto de estado de alarma, xunto ao presidente, Manuel Blanco, e o fundador de Pescados Rubén, Rubén Blanco, o proxecto de 2020-21 dá os seus primeiros pasos para seguir gozando da mellor liga, avalado pola experiencia de Matamoros ou Lucho, o toque da casa de Iago Míguez, a proxección de Pitero ou a perfecta adaptación de Álex Diz, todos eles con contrato en vigor.