Récord mundial para o combinado galego máster de 4×800

0
Combinado galego masculino da categoría máster 65 formado polos atletas Pablo Fervenza e Domingo Álvarez do Samertolomeu, Nemesio Gutiérrez do Atletismo Friol e Xose Luís Otero Cepeda do Atletismo Santiago

Esta fin de semana as probas de control federadas que se disputaron na pista cuberta de Expourense, xunto ao Campionato de Galicia máster individual e de probas combinadas, lanzaban a consecución dun fantástico récord mundial na proba dos 4×800 m.

O combinado galego masculino da categoría máster 65, formado polos atletas Pablo Fervenza e Domingo Álvarez do Samertolomeu, Nemesio Gutiérrez do Atletismo Friol e Xose Luís Otero Cepeda do Atletismo Santiago, lograban parar o reloxo nun rexistro de 10:41.58, pulverizando a anterior plusmarca mundial lograda a finais do ano pasado en Madrid con 10:58.10 en máis de dazasete segundos.

Con esta plusmarca mundial, o noso atletismo máster continúa o camiño de récords mundiais logrados no recinto cuberto ourensá, que está rentabilizando dunha maneira formidable a súa construción. Lembramos que nela xa se bateran para o noso atletismo, o récord europeo M75 de Pepín Rioseco nos 800 no ano 2018, así como o récord mundial de Esther Pedrosa sobre a mesma distancia no ano 2021.

De igual modo, esta plusmarca representa unha merecida recompensa para a excelente traxectoria deste cuarteto de atletas, na que salientamos o amplo curriculo de medallas nacionais de Xosé Luis Otero, así como a excelente tempada 2021 de Domingo Álvarez quen batía precisamente o récord de España sobre esta mesma distancia con 2:19.30 e que se suma a enorme versatilidade tanto de Nemesio Gutiérrez como de Pablo Fervenza.