Recepción na Deputación de Pontevedra a Antía Chamosa

Antía Chamosa proclamouse campioa de España sub-23 nos 20 quilómetros marcha

0

 

Carmela Silva: “Antía  xa non é unha promesa, senón unha espléndida realidade do noso deporte que ten a toda a provincia pendente dos seus próximos logros”

Antía Chamosa: “Despois dun ano tan duro para todos e todas, tamén para o mundo do deporte, síntome máis que satisfeita polos resultados obtidos”

 

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o deputado de Deportes, Gorka Gómez, recibiron hoxe no Pazo Provincial á marchista Antía Chamosa, que en palabras da presidenta “xa non é unha promesa senón unha espléndida realidade do deporte desta provincia”. A atleta, que estivo acompañada por Charo Castro, presidenta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, vén de proclamarse campioa de España Sub-23 nos 20 quilómetros marcha, logrando tamén ser quinta de España na competición absoluta.

Antía Chamosa quixo poñer de manifesto que “despois dun ano tan duro para todos e todas, tamén para o mundo do deporte, síntome máis que satisfeita polos resultados obtidos”. Ademais, fixo un recoñecemento ás súas compañeiras de equipo, “un grupo xenial” no que se sinte arroupada tanto nos adestramentos coma nas competicións. Agora ten o seu obxectivo fixado en competicións europeas.

A presidenta da Deputación, que obsequiou á atleta da Gimnástica coa figura da menina, o símbolo de igualade do ente provincial, e mascarillas con creatividades feministas do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, interesouse polo xeito de adestrar que tivo Chamosa durante o período de confinamento. ”Síntome moi orgullosa, dixo Carmela Silva, da capacidade de adaptación que demostraron tanto Antía como o resto do deporte que tamén esta a sufrir tanto as consecuencias de pandemia”, e destacou “a súa capacidade para enfrontarse a todas as situacións e saír vitoriosas con moitas máis dificultades”. Neste senso, Antía Chamosa destacou que “foi duro concentrarse sen ter uns obxectivos claros, posto que non sabíamos que ía a pasar coas competicións”.

A presidenta provincial referiuse tamén a Charo Castro “unha gran referencia da nosa provincia e unha muller que está a deixar unha impronta moi importante no club”. Castro é “unha máis” na Gimnástica, o club que dirixe, para poder vivir coas atletas as emocións a pé de pista. É algo que non se valora, engadiu Silva, pero lle aporta unha riqueza persoal que fai que todos os problemas se afasten neses momentos”. Pola súa banda, a  presidenta da Gimnástica atópase tamén “moi ilusionada por poder retomar a actividade posto que parece que imos a poder ter liga e estamos xa organizando os adestramentos”.