Magníficos resultados os colleitados polos pentatletas galegos no Campionato de España de Biatlón celebrado este fin de semana en Xixón, cunha importante participación. Finalmente foron quince as e os deportistas da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno que participaron neste campionato e que conseguiron un total de 13 medallas.

Non participou, por un problema de tráfico, o gran favorito Cristóbal Rodríguez Fidalgo, nin a súa irmá Yolanda (neste caso por enfermidade), pero a pesar destas ausencias a delegación galega tivo unha grande actuación.

Raul Blanco Vila fixo dobrete ao proclamouse campión de España júnior e absoluto, nunha proba na que foi de menos a máis para amosar o gran estado de forma no que se atopa.

Esta competición absoluta, onde participaban xuntos os deportistas xuvenís, júniors e séniors, foi moi competida e non se decidiu nada ate o final. Raúl Blanco rematou o primeiro sector (1.500 metros de carreira a pe) na 5a posición, pero o segundo segmento (200 metros de natación) foi decisivo. Saíu da auga na primeira posición e xa non baixou desta situación ata o remate, aínda que houbo emoción polo título ata que cruzou a liña de meta.

 

Resto de categorías

Comezando polos máis cativos, en prebenxamín feminina, Carla Cortón obtivo o título de campioa de España, mentres que na categoría benxamín Mireia Vázquez Liz logrou a medalla de ouro, con Mencía Rego Veigas na quinta posición. En benxamín masculina houbo dous galegos no podio: Manuel Cobas Dobarro foi prata e Héctor López, bronce.

Na categoría alevín masculina, Iván Rego Veigas conseguiu a medalla de ouro, proclamándose campión de España cunha gran vantaxe sobre o resto de participantes.

Na categoría infantil feminina, ouro e prata para Claudia Gámez Benítez e Mercedes Vila, respectivamente, obtendo de novo estas dúas deportistas claras vitorias como o están a facer practicamente en todas as probas na actual tempada. E en infantil masculino, prata para Alejandro Vázquez Liz, nunha proba de alto nivel e moi disputada. Nesta categoría, Óscar López foi 4o clasificado.

En cadete, as dúas representantes galegas obtiveron as medallas de ouro e prata: Andrea Vidal Lamas proclamouse campioa de España e Paula Corredoira, subcampioa.

Na categoría xuvenil, bronce para Esperanza Cobas Dobarro e nos cadetes masculinos, 5o posto para Samuel Méndez.

Comentarios

Maxithlon