Subcampión estatal no 2019, nesta ocasión o biker porriñés colgouse a medalla de bronce na cita celebrada este sábado na barcelonesa montaña de Montjüic. Aproveitando a súa presenza na capital catalá, o único representante da Selección de Galicia tamén participou na Copa do Mundo e asinou a oitava praza.

A intensa xornada de Punzón arrancou medíndose aos mellores especialistas do planeta. Aínda que o galego afirma que non tiña “moi claro” se correr a Copa do Mundo polo desgaste físico que provocaba, animouse a tomar a saída na contra o reloxo e posteriormente superou a primeira quenda eliminatoria. Na seguinte rolda rematou terceiro, o que o clasificou para a final de consolación, unha carreira na que se xogaban as prazas da quinta á oitava e que decidiu non disputar porque “unha hora despois tiña a crono do Campionato de España”. A súa renuncia significou a adxudicación directa do oitavo posto.

O corredor do Porriño iniciou o seu concurso na competición estatal cunha contra o reloxo “mediocre” na que acusou algo o cansazo, pero clasificarse décimo entre un total de dezaoito bikers non o preocupou demasiado dado que “tiña gardadas un par de balas” para as eliminatorias. Nesas carreiras de oitavos, cuartos e semifinais aboouse ao segundo posto e fíxose co billete para loitar polas medallas “gardando un pouquiño”.

Na gran final Punzón tivo como adversarios a Ignasi Jorba e Pau Costa, ambos da selección catalá, e a Álex Cano (Quadis). “Houbo unha saída un pouco perigosa, pero os dous que entraron diante xa me gañaran na crono e nas roldas”, admite o galego, que finalizou terceiro, a 8 segundos tanto do vencedor Jorba como do segundo clasificado Costa. A pugna polo bronce resolveuna ao seu favor con 14” de marxe sobre Cano: “Penso que sen ese ‘enganchón’ inicial, no que perdín as opcións de vitoria, a final tería estado un pouco máis igualada”.

Sumando un novo podio estatal ao seu palmarés, o biker da Selección de Galicia regresa da súa experiencia en Catalunya “moi contento por poder correr e salvar un pouco o ano” e a súa satisfacción mestúrase coa sensación de que “me estou especializando no Eliminator”.